O concelleiro socialista Iago Fariñas propón ao concello do Irixo que recupere a feira do Tellado
O Portavoz do Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo ven de presentar unha moción para recuperar a feira do Tellado.
Expón Iago Fariñas:
Que pouco a pouco O Irixo vai perdendo recursos, servizos e o seu patrimonio material e inmaterial ante a pasividade do Grupo de Goberno, como xa vimos advertindo dende fai tempo.
Que no Irixo,en tempos, recordan aínda a maioria dos veciños e veciñas que se desfrutaba dunha feira baixo a sombra da carballeira do Tellado na parroquia de San Cosme os días 2 e 17 de cada mes.
Que a feira do Tellado chegou a competir ca feira incluso do Carballiño afirmando aínda algúns veciños que era mellor e de máis sona.
Que incluso o campo do Tellado e a súa feira chegarona ter históricamente os seus propios pendellos de pedra,empregados polos feirantes para resgardarse, gardar as cabalerías ou o gando, comer e facer as vendas e as compras, algunhas destas construcións de pedra poderían datar do século XVIII.
Que por desgracia pola pouca sensibilidade e visión de futuro e respecto polo patrimonio na actualidade non existen estas edificacións a diferencia do que pasa noutros concellos como o de Agolada, onde os seus pendellos foron declarados conxunto histórico-artístico en 1985, e en 1990 a Xunta de Galicia e o concello puxeron en marcha un proxecto para limpar e restaurar algúns deles, mágoa que no Irixo se preferise destruílos e facelos desaparecer como outras tantas mostras do noso patrimonio que por desgracia van esmorecendo e desaparecendo por todo o Concello ante a pasividade dun goberno acabado e sen capacidade nin ganas de defender o patrimonio e o futuro do mesmo nin do Irixo.
Que non hai escusas para dicir que non hai veciños e veciñas nin xentes para que O Irixo conservara a súa feira do Tellado, e as mostras témolas ben preto, no Concello veciño de Castro Dozón, na Gouxa, existe unha pequena feira que resiste en contraposición ca do Irixo, e que é foco de reunión e socialización de tódolos veciños e veciñas da contorna, tamén de moitos veciños e veciñas do Irixo que en ocasións a visitan para comprar algunha cousa ou simplemente dar un paseo ou compartir un prato de polbo, carne ó caldeiro e unha conversa con amigos e veciños.
Que a feira do Tellado, como outras moitas cousas, desapareceu e dende o goberno municipal non se fixo nin se fai nada por tentar recuperar esta feira aínda que so sexa como un evento de reunión e socialización dos nosos veciños e veciñas, onde ademáis co apoio adecuado e impulso poderíase, en pequena escala, dotar de compra venta de diversas mercadorías e incluso do rianxo dalgúns veciños e veciñas así como produtos do Irixo pero sobre todo un lugar de reunión e socialización entre veciños e veciñas do Irixo e da nosa contorna.
Que dende logo, non cabe dúbida, que O Irixo non debería ser menos que Castro Dozón, e O tellado non debería ser menos ca Gouxa, e dende logo o que non admite discusión é que a carballeira do Tellado, a pesar dos pesares, é moito mellor lugar e espazo para acoller unha feira que o son outros recintos de feiras cercanas.
Que o Tellado e a que fora a súa feira, so precisan o apoio e aposta decidida dun goberno que queira traballar e molestarse por recuperar o noso patrimonio e darlle vida a un pobo e a unha feira que nunca se debeu deixar perder como tampouco se deberán nunca perder os seus pendellos xa esquecidos.
Que dito todo o anterior, o Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo presentou para a súa consideración e, dado a importancia de recuperar o noso patrimonio tanto material como inmaterial para desfrute dos veciños e veciñas do Irixo, insta ó Pleno municipal á adopción dos seguintes ACORDOS:
1º.- Que o Concello de O Irixo elabore un plan de recuperación e posta en marcha da feira do Tellado dispoñendo dos medios necesarios de planificación e promoción necesarios para elo.
2º.- Que o Concello de O Irixo poña en marcha a feira do Tellado no presente verán aproveitando esta época do ano na que residen máis veciños no Concello polas súas vacacións.