O concelleiro socialista Iago Fariñas propón que o concello compre as casas rectorais abandoadas e promover a súa rehabilitación para diversos usos
O Voceiro do Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo, Iago Fariñas Valiña, presentou as pasadas semanas unha moción para ser debatida no pleno instando ao Concello Á ADQUISICIÓN PARA A SÚA CONSERVACIÓN E POSTA EN VALOR DAS CASAS REITORAIS ABANDONADAS NO CONCELLO DO IRIXO.
O concello do Irixo, do que forman parte doce parroquias, ten a meirande parte das súas casas reitorais en auténtica ruína como a de San Cosme ou a de Reádegos , Froufe ou Espiñeira; ou en semi-ruína, como a de Dadín, Cangues ou Corneda, esta última dun gran valor artístico e arquitectónico e en continua espoliación. Xa no ano 2002 o concello anunciou publicamente a adquisición da casa reitoral de San Cosme para turismo Rural e así fora reflectido nos medios de comunicación, pero pasados, máis, de 14 anos nada se sabe da compra de ningunha destas casas reitorais que forman parte do noso rico patrimonio, aínda que non sexan propiedade deste Concello.
O Grupo Municipal Socialista, indica que estas accións se poden realizar sen prexuízo de incluír outras casas reitorais, edificacións ou terreos que puideran quedar en desuso como a do Campo, ou en estado de abandono progresivo, pero actualmente de forma mais urxente centrándose claramente na Parroquia de Cangues (Santo Estevo), Parroquia de A Cidá (Santa Mariña), Parroquia de Corneda (Santiago), Parroquia de Dadín (San Pedro), Parroquia de Espiñeira (San Pedro), Parroquia de Froufe (San Xoan), Parroquia de Reádegos (Santa Baia) e Parroquia de San Cosmede de Cusanca (San Cosmede) As casas reitorais do Concello do Irixo, conforman, en gran parte, un conxunto artístico e arquitectónico que merece, sen lugar a dúbidas, a pena ser conservado e posto en valor e uso con múltiples posibilidades.
Debido ao estado destas propiedades, e a que a Igrexa hai xa uns anos que decidiu vender algunhas propiedades en desuso e especialmente as que están en estado ruinoso ou practicamente, como é o caso das anteriores sinaladas, sería moi asumible negociar coas autoridades eclesiásticas para que o Concello do Irixo adquirise a titularidade de todas estas antigas casas reitorais para recuperalas e poñelas en valor. Todas estas casas, algunhas situadas estratexicamente e outras con enormes posibilidades segundo o caso, poderían, despois dun laborioso proceso de restauración, non so albergar espléndidas vivendas de turismo rural ou albergues, que darían un pulo importante ó concello no ámbito laboral e turístico; senón tamén poderían ser convertidas en centros culturais, dotacionais ou municipais que darían servizo social para todos os veciños e veciñas do Irixo.
Xa que logo, poderían ser puntos de ocio e reunión dos veciños de cada unha das parroquias. É, ademais, unha obriga moral non deixar que se perda o patrimonio deste concello, senón arranxalo, conservalo e destinalo para uso e desfrute dos veciños ou dotar, nesas instalacións, outros servizos a este concello, porque non esquezamos que o patrimonio do concello é dos veciños e veciñas de todas as parroquias. Debido ao seu estado de deterioro á inversión inicial non debería ser moi elevada e perfectamente asumible por este concello, sempre e cando se axuste o seu presuposto, dotando unha partida orzamentaria, ou chegado o caso, unha modificación de crédito para acometer a compra despois dunha negociación coas autoridades eclesiásticas.
A rehabilitación de todas estas propiedades, que se iría prolongando no tempo, podería contar con diversas subvencións de distintas administracións e mesmo poderían dar lugar á creación dun obradoiro de emprego, xerado polo propio concello ou en colaboración con outros concellos veciños, o que xeraría traballo e riqueza no concello.
Os socialistas, queren destacar que a negociación para a adquisición destas casas reitorais coas autoridades eclesiásticas, debería incluír espazos ou metros de terreos da Igrexa que sexan necesarios para mellorar as comunicacións ou as infraestruturas do concello. Sirva como exemplo, que coa cesión duns dous ou tres metros na fachada do destro da parroquia do Campo se podería acometer o ancheamento e a urbanización do entorno con beirarrúas, que mellorarían considerablemente o entorno e garantirían a seguridade dos peóns que actualmente circulan pola estrada para desprazarse á igrexa; ao non dispoñer, no entorno da parroquia, de accesos axeitados.
O Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo, presentou, hai semanas, para a súa consideración e dada a importancia da conservación e posta en valor deste patrimonio existente no concello, que ademais serviría conxuntamente con outras accións para dinamizar o turismo e a economía do concello, unha moción instado ó Pleno municipal á adopción do seguinte ACORDO: “Que o Concello do Irixo negocie coas autoridades eclesiásticas, sexa o Bispado ou quen ostente a representatividade deste para tales cuestións, a adquisición na fórmula máis vantaxosa, preferiblemente a compra, das casas reitorais existentes no Concello, deshabitadas e en estado de abandono para rehabilitalas coa solicitude das axudas das distintas administracións autonómicas, estatais ou europeas, aproveitando a rehabilitación das mesmas para a creación dun Obradoiro que xere emprego e dinamice a economía do municipio e finalmente destinalas a vivendas de turismo rural, albergues, centros culturais, dotacionais ou municipais, etc. para todos os veciños e veciñas de O Irixo.”