O concello adxudica por 170.000 euros a musealización da Fábrica de Papel, que estará rematado en marzo de 2023. O proxecto está financiado pola Xunta.
O Concello do Carballiño vén de adxudicar o proxecto de musealización da Fábrica de Papel “A Labandeira” á empresa valenciana Ingeniería Interactiva del Ocio s.XXI S.L., despois de levarse a cabo a correspondente Mesa de Contratación. Tal e como informou o alcalde, Francisco Fumega, ao tratarse dun proceso aberto ao que se presentaron tres empresas conseguiuse unha rebaixa de 30.000 euros. Así, foi adxudicada de forma provisional por 170.000 euros e as empresas teñen un prazo de 15 días para presentar alegacións.
O proxecto ten como principal obxectivo potenciar a cultura e a economía local do concello. A Fábrica de Papel conta cun proxecto redactado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto. A súa rehabilitación levouse a cabo en distintas fases e con este contrato preténdese levar a cabo a musealización para a dar a coñecer a historia do proceso de industrialización decimonónica da comarca do Carballiño.
As obras de musealización levaranse a cabo en diferentes espazos. Así, na área de recepción de visitantes realizarase a elaboración artesanal dun mostrador a dúas alturas para a recepción, tallos e cadeiras, armarios de almacenamento e estantes. No andar semisoto, cunha superficie de 45,2 metros cadrados, instalarase o taller de elaboración de follas de papel e fabricaranse, en madeira de piñeiro, elementos a escala real como unha bañeira grande para a pasta de papel. Tamén se elaborarán outros a escala reducida e incluso un batán que, aproveitando o curso da auga, transmitirá un movemento alterno en un mazo para o prensado e satinado dos pregos de papel. Tamén haberá nesta zona paneis explicativos con gráficas correspondentes a cada proceso que se dará a coñecer na sala.
No andar de abaixo haberá tres zonas diferenciadas: A de encolado, onde irán aquelas follas de papel que recibirán tinta para facelas máis impermeábeis; a de brunido, onde o papel recibe outros tratamentos como o prensado e a zona de clasificación e preparación para o mercado.
O primeiro andar, cunha superficie útil de 115 metros cadrados, estará dedicado ao sequeiro de papel, cos tendais e mesas de colocación e o resto da sala a documentos históricos.
Un auditorio para 40 persoas será acondicionado no segundo andar (89 metros cadrados) e dotarase de medios audiovisuais e informáticos relacionados con elementos temáticos do mundo do papel. Tamén dará cabida a un mirador sobre o resto do conxunto da fábrica de papel, instalada nas marxes do río Arenteiro. O proxecto terá un prazo de execución de 9 meses e a financiación corre a cargo da Consellería de Cultura.
O alcalde, Francisco Fumega, destacou a importancia destas obras “para que a fábrica se converta no Museo do Papel de Galicia e colaboraremos coa Xunta para integralo na Rede Galega”.