O concello anuncia a remodelación da rúa Otero Pedrayo, tras confirmarse unha subvención da Deputación por importe de 100.000 euros
O concello acometerá o proxecto de remodelación da rúa Otero Pedrayo, tras recibir a confirmación por parte da Deputación Provincial dunha subvención de 100.000 euros.
O proxecto, cuxo custo total é de arredor de 120.000 euros, consiste nun novo pavimento, con asfaltado en quente; un tramo de abastecemento de conexión entre a Avenida 25 de Xullo e a rúa Xosé Fariña Jamardo, e unha mellora no saneamento, co obxectivo de resolver un problema de anegamento que hai no cruce da rúa Otero Pedrayo coa Avenida 25 de Xullo; e, finalmente, o redeseño das prazas de aparcamento, que serán en batería e se incrementarán en 60 novas prazas. Isto será posible ao establecerse nesta rúa a dirección única.
Debido a numerosas intervencións na calzada desta rúa pola execución de zanxas para a instalación de infraestruturas, presenta zonas moi deterioradas, polo que é preciso regularizar o asfalto. Así mesmo, hai un tramo que non ten beirarrúa e hai que construila.
E con respecto ao problema de anegamento requísense varias medidas: recuperación do pozo de bombeo existente, adaptación da arqueta do verquido existente e prolongación, recollida de verquidos de augas fecais e construcción dun by-pass entre a tubería de evacuación de augas pluviais e a rede existente, na confluencia de Otero Pedrayo e Celso Emilio Ferreiro. E, finalmente, o deseño das prazas de aparcamento, pasos peatonais, flechas de indicación, etc. Con este proxecto, ademáis de mellorar esta rúa e resolver os problemas que ten actualmente, amplíanse as prazas de aparcamento e regúlase mellor o tráfico, aumentando a seguridade vial e peonil.
Tras esta remodelación, xunto cos proxectos levados a cabo anteriormente noutras rúas desta zona, teranse incrementado en máis dun centenar o número de novas prazas de aparcamento. Unha vez que se proceda á contratación destas obras, o prazo de execución está previsto en tres meses.
E isto será posible gracias á subvención de 100.000 euros concedida pola Deputación Provincial de Ourense, que acaba de ser comunicada.
Dende o concello do Carballiño "agradécese unha vez máis a colaboración do organismo provincial e da súa presidencia cos proxectos remitidos dende a Alcaldía, que redundan en beneficio da cidadanía e que doutra forma non se poderían levar a cabo polo seu elevado custo".
O Partido Popular felicítase pola colaboración institucional
O grupo popular no concello do carballiño considera que a colaboración da Deputación resulta fundamental para poder acometer proxectos estratéxicos no municipio do Carballiño.
Para acceder ao comunicado do Partido Popular prema no arquivo adexunto: