O concello cifra en máis de medio millón de euros o investimento feito en obras de saneamento e abastecemento de auga

15, Abril 2015

O  grupo de goberno cifra en  máis de 500.000 euros nos últimos anos para devolver os servizos de saneamento e abastecemento a varios barrios da vila, que levaban tempo con estes servizos deficitarios. As áreas de Urbanismo e Medio Ambientet, "crearon unha planificiación durante este tempo, dirixida principalmente a renovar a rede municipal co fin de ofrecer mellores servizos, e ao mesmo tempo evitar verteduras nas dúas concas carballiñesas, a do Carrás e o Arenteiro, como estaba a acontecer antes, por non se realizar esta programación e planificación".

Así mesmo as obras executadas, e tamén "as que están proxectadas para os próximos meses, evitan tamén as inundacións que se producían en varias zonas da vila e o rural". O edil de Obras sinalaba que "un dos primeiros problemas que detectamos ao asumir estas funcións de goberno foi comprobar que moita da nosa rede municipal estaba estragada e anticuada, o que provocaba constantes ,molestias aos veciños e usuarios".

Unha das primeiras accións levadas a cabo dende a área de Urbanismo foi o de aproveitar calquera tipo de acometida que se fose a executar nunha rúa, para revisar o estado da rede, e renovalo nos lugares onde detectaron defectos "así optimizamos os recursos ao tempo que renovabamos infraestruturas que, se ben non son obras de gran lucimento, ao estar enterradas, se eran mais que necesarias para o confort e o servizo aos veciños", indica Magín Daparte.

Entre os proxectos executados encóntranse a renovación do colector xeral da rúa Ourense, onde se inverteron máis de 40.000 euros, na reposición das canalizacións de recollida de pluviais, rede de sumidoiros abastecemento, así como os correspondentes pozos, rexistros e bocas de rego. Esta zona levaba tempo con defectos nestes servizos, que provocaron mesmo o afundimento da calzada nesa zona.

Así mesmo acometeronse os traballos de renovación do abastecemento de Curros Enríquez, nas súas dúas marxes, aproveitando a obra de peatonalización de toda esa rúa. Nesta zona elimináronse os problemas que presentaba nos últimos anos, dende hai máis dunha década, cos rebentóns e inundacións de baixos comerciais e establecementos. Neste proxectos investíronse máis de 120.000 euros en total, repoñendo máis de 70 metros de canalizacións.

No mesmo barrio, en concreto na zona da Veracruz, realizáronse obras de mellora da rede de recollida de pluviais, que evitaron tamén moitos problemas nas vivendas da zona.

No 2014 fixeronse obras de mellora na rúa Alberto Vilanova, que conduce ata o centro de saúde, onde se investiron preto de 42.000 euros, e nas que se executaron traballos de colocación de novos sumidoiros e canalización de pluviais, que eliminaron o problema das inundacións na rúa Alexandre Bóveda, así como a substitución dun tramo de rede de sumidoiros.

Outra obra dese mesmo ano foi a da zona da Praza da Mina, onde se eliminaron os problemas de saneamento, coa renovación do colector, así como a reposición de máis de 120 metros de canalizacións nas redes de rede de sumidoiros, e pluviais.

Por outro lado executáronse obras na recollida de pluviais da zona do polígono da Uceirea, que vertían cara á avenida de Compostela, e que provocaba tamén inundacións. Coa nova canalización evitáronse en boa medida estas incidencias.

Por último na rúa José Pontes executáronse tamén traballos de mellora en toda a rúa, que incluíron reposición e mellora da rede de saneamento e pluviais, cun importe total de preto de 20.000 euros.

Tamén se realizou un estudo da situación da rede no medio rural, xunto coa empresa subministradora da auga no municipio, co fin de seguir dotando de mellores infraestruturas a toda esa zona.

Así mesmo están previstos varios traballos que se executarán en poucos meses, no apartado de saneamento e abastecemento en varios barrios da vila carballiñesa. Magín Daparte aseguraba que "estamos a crear unha rede de futuro, seguindo un esquema moi claro e sinxelo, a separación de pluviais e saneamento, para evitar inundacións, sobrecarega das depuradoras, polo tanto diminuír o seu consumo, e evitar vertidos aos nosos ríos, ou a terreos privados".