O concello de Avión incorpora a súa flota un vehículo con distintivo ambiental Eco e unha máquina retrocargadora
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe algunhas das melloras levadas a cabo no Concello de Avión que contou o ano pasado cunha axuda de 28.650 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental para a adquisición dun vehículo con distintivo ambiental Eco.
Natalia Prieto lembrou que o investimento total neste concello nos últimos anos supera 1 millón de euros, que foron destinados, entre outros proxectos, á instalación solar térmica na residencia de maiores de propiedade municipal; á creación dun espazo destinado a infancia en Barroso; ou á recuperación da antiga levada como sendeiro en Amiudal, dentro do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) en Albarellos, así como á adquisición de máquina retrocargadora para a realización de labores ambientais e de prevención de incendios forestais.
Tamén se instalou un punto para almacenamento temporal de residuos de construción e demolición, e outros residuos urbanos, xunto con melloras de eficiencia enerxética de alumeados públicos en diversas localidades do termo municipal de Avión. No ano 2017 foron premiados co 3º premio dos Coopera pola creación do Xeodestino O Ribeiro-O Carballiño con 12.500 euros, no marco da Mancomunidade Turística do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro, da que forman parte os concellos de Arnoia, Amoeiro, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Maside, O Carballiño, O Irixo, Piñor, Pontedeva, Ribadavia, San Amaro e San Cristovo de Cea.