O Concello de Beariz organiza o lúns 17 unha charla informativa sobre o acollemento familiar de menores
O Concello de Beariz, en colaboración coa Cruz Vermella, organiza unha charla informativa sobre acollemento familiar de menores. O acollemento familiar unha medida de protección para menores que, por determinados motivos, non poden continuar convivindo cos seus proxenitores.
É un programa da Xunta de Galicia que ten como obxectivo proporcionar unha atención temporal a aqueles nenos, nenas e adolescentes en situación de risco, desamparo ou desprotección social, tutelados ou en garda pola Xunta de Galicia, nun ambiente familiar normalizado, alleo á súa familia de orixe, por non existir esta ou non ser idónea para o seu coidado.
Trátase de que estes menores poidan vivir da mellor forma posible a súa infancia, sendo esta unha etapa fundamental na vida.
Deste xeito, colaborar facéndose familia acolledora supón ofecer un fogar a nenos, nenas e adolescentes e proporcionarlles coidados, seguridade, educación e o agarimo que necesitan mentres se solucionan as circunstancias que lles impiden vivir coa súa familia.
A charla terá lugar o vindeiro luns, día 17 de febreiro, ás 16:30 no Salón de actos ubicado na planta baixa do Concello de Beariz e poderán acudir todos aqueles que o desexen. Para máis información poden contactar co Departamento de Servizos Sociais do Concello no teléfono 988.28.40.00.