O concello de Beariz prepara unha batería de medidas para solucionar a problemática derivada do gando mostrenco no municipio

27, Setembro 2023

O Concello de Beariz ven de establecer un permiso para a retirada de cabalos mostrencos do territorio municipal e emprende unha serie de iniciativas encamiñadas a erradicar este problema.

O gando mostrenco é un problema en Beariz debido a que supón un perigo para os viandantes e o tráfico que circula polas vías do municipio. Os danos esténdense ós prados que aproveitan gandeiros propietarios de explotacións debidamente rexistradas de gando saneado. Asemade este gando incontrolado provoca grandes danos ás poucas hortas e cultivos que quedan.

As colisións de vehículos con cabalos e vacas na estrada N-541 ao seu paso por Beariz son múltiples e os danos ocasionados a pasaxeiros e vehículos son cuantiosos ó fin do ano.

Un dos problemas asociados á presenza de gando mostrenco é a proliferación de actividades ilícitas entorno ó aproveitamento dos xatos, poldros e incluso a comercialización de carne sen control sanitario.

O Concello actuará contra aqueles que circulan con vehículos por terreos comunais e privados sen consentemento dos seus propietarios para capturar ou sacrificar animais mostrencos de forma ilegal.

No referente ós cabalos mostrencos o Concello ven de conceder permiso a un gandeiro para capturalos e transladalos á súa explotación para alí proceder ó seu saneamento, identificación e inscrición no libro de explotación pasando así a estar perfectamente controlados segundo o establecido pola normativa.

Estas decisións do Concello son un paso en positivo en exercicio das responsabilidades que lle atribúe unha lexislación decimonónica que non se ten actualizado a un contexto autonómico. Estas responsabilidades legais non prevén a dotación de medios ou recursos adaptados ao control dun gando salvaxe de moi difícil manexo. Tampouco os protocolos sanitarios se teñe adaptado ás particularidades de tratamento deste problema.

Dentro das medidas que o concello tomará para seguir a avanzar na erradicación do gando mostrenco está a concienciación social sobre este problema. Facilitar que os veciños que vexan rebaños mostrencos os localicen e faciliten a súa ubicación ó Concello e que denuncien a actividade ilícita que se estea a desenvolver dentro do territorio municipal ante as autoridades.

Outro dos ámbitos nos que traballa o Concello e o establecemento de convenios coas autoridades sanitarias e a Consellería de Medio Rural para traballar conxuntamente compartindo recursos, actualizando procedementos e dotando de medios para levar a cabo unha acción eficaz e unha solución duradeira.

Estas accións demostran o compromiso do Concello de Beariz coa solución dos problemas entorno ao gando mostrenco e de que está decidido á súa erradicación.