O Concello de Boborás apaga todas as iluminacións públicas entre as 2 ás 6 da madrugada
A medida adoptada polo goberno municipal de Boborás xa comezou a aplicarse nalgunhas localidades e iráse completando no transcurso das vindeiras semanas atá acadar a totalidade dos núcleos do municipio. Durante o anterior mandato, xa se decidira apagar parte das iluminacións, daquéla, fixérase de xeito selectivo, reducindo o número de luminarias, mentres que agora o apagón será completo durante 4 horas, entre as 2 e as 6 da madrugada.
O Alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño, recordaba como no seu dia Boborás tamén foi o primeiro concello en poñer en práctica esta medida "e despóis viñeron detrás outros moitos concellos que copiaron esta decisión, e sen que se escoitasen tantas críticas, porque seguramente neses concellos hai oposicións basante máis responsables dalgunha que temos aquí en Boborás". En declaracións a Cope O Carballiño, Caamaño tamén manifestou "que a maioria dos veciños entenderon daquéla esta medida, e seguro que tamén o entenden agora, pídolles un pequeno sacrificio, teñen que saber que o grupo de goberno busca con esta decisión ser solidarios con outras necesidades, como a asistencia a domicilio, a gardería infantil ou o xantar sobre rodas".
O máximo responsable do goberno municipal do Partido Popular recoñeceu "que cada dia é máis cimplicado gobernar, porque cada ano temos menos recursos económicos debido aos recortes nas subvencións que recibimos, e non podemos permitir poñer en risco servizos básicos e atender á xente que máis o necesita por non ter a valentia de tomar estas medidas". Caamaño calcula que con esta medida o concello de Boborás aforrará 40.000 euros ao ano.