O concello de Cea mellora o equipamento para a protección do medio ambiente e os espazos naturais do municipio.
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o Concello de San Cristovo de Cea acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para comprobar as actuacións que se levan a cabo na defensa do medio ambiente coa axuda dun vehículo adquirido cunha achega do Goberno galego.
A través dunha axuda de 26.250 euros do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), o Concello de San Cristovo de Cea adquiriu un vehículo tipo pick-up para a protección do medio ambiente e de espazos naturais, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.
O Concello xustificou a súa adquisición na necesidade de coidar e protexer o patrimonio natural dun municipio que conta cun espazo incluído na Rede Natura como é Pena Veidosa. Ademais, dispón dunha gran riqueza arqueolóxica e paisaxística, así como lugares de interese turístico como o Mosteiro de Cea. Atractivos todos eles que se ven incrementados por formar parte o concello do Camiño de Santiago, particularmente da Vía da Prata. A administración local carecía ata o de agora de recursos suficientes para facer fronte as actuacións necesarias para a conservación e protección de ditos espazos.
O Concello de San Cristovo de Cea beneficiouse nos últimos anos de achegas por valor de máis de 463.000 euros procedentes das diferentes liñas de axudas habilitadas polo Goberno galego a través da Dirección Xeral de Administración Local, o que permitiu ao municipio ourensán levar a cabo actuacións a favor do medio ambiente, melloras no saneamento, obras nas infraestruturas municipais ou inversións a favor da eficiencia enerxética, entre outras.