O Concello de Maside completa a implantación da rede WiFi4EU, que facilita a conectividade de banda ampla gratuíta en espazos públicos
O concello de Maside ven de implantar unha rede WiFi municipal no marco do programa europeo WiFi4EU, unha iniciativa dotada con 15.000 euros e financiada pola Unión Europea, que promove o acceso libre dos cidadáns á conectividade de banda ampla en espazos públicos coma parques, prazas, edificios oficiais, bibliotecas, centros de saúde ou museos de municipios de toda Europa.
O proxecto permitiu dotar de conectividade WiFi de banda ampla en diferentes localizacións do concello, cun total de 11 puntos de acceso WiFi repartidos nas seguintes ubicacións: Edificio do catastro, Colexio vello, Pistas de pádel, Parque da Alameda, Local Social e centro de saúde de Dacón, Praza igrexa de Dacon, Praza de San Roque de Dacon e Local social Santa Comba.
Destaca ademais a implantación de diferentes radioenlaces, o que permitiu despregar unha rede troncal para comunicar distintas localizacións, minimizando o custes recurrentes na contratación de novas liñas de acceso a Internet para o concello.
Calquera usuario ubicado no área de cobertura da rede “WiFi4EU” poderá acceder de xeito seguro e gratuito as 24 horas do día sen limitación de velocidade de navegación. No momento de conectarse por primeira vez á rede, o usuario será redirixido a unha páxina segura de inicio de sesión.
Con esta iniciativa o Concello de Maside pretende promover o uso de novas plataformas e servizos dixitais innovadores, facilitando a comunicación gratuíta tanto a residentes como visitantes.