O concello de San Amaro "chega tarde na convocatoria de axudas para os afectados pola crise do Covid-19", repróchanlle ao goberno municipal dende Espazo Común.
Nos vindeiros días, o voceiro de Espazo Común no Concello de San Amaro, Fausto Alén, rexistrará un escrito para demandar ao goberno municipal a creación dunha serie de liñas de axuda para todos aqueles cidadáns que, dun xeito ou doutro, sufren as consecuencias da crise do COVID-19.
"Faise imprescindible para fortalecer ás pequenas empresas do noso pobo e ás familias máis desprotexidas que as institucións se impliquen con medidas concretas que garantan que ninguén quede atrás nunha situación tan delicada como a que estamos a vivir", manifesta.
O representante de Espazo Común en San Amaro engade que "é, polo tanto, fundamental o papel dos concellos neste momento. Vemos como na nosa contorna xa foron varios os que habilitaron liñas de axuda para pemes, autónomos e familias e, como é costume, o San Amaro xa vai tarde".
Finalmente, Fausto Alén asegura que "a incertidume é máxima entre a poboación e non se debe agardar a que a situación sexa irreversible. Hai que actuar xa".