O Concello de San Amaro protagonizou a mañá de Cope O Carballiño esta semana
Rubén García, con Belén González
(Redacción. Belén González) "A mañá de Cope O Carballiño" trasladouse ó Concello de San Amaro para emitir dende alí o seu programa. Por el pasaron numerosos invitados que mostraron a realidade do concello e das diversas actividades que teñen e que van ter lugar nos meses estivais e os proxectos que están pendentes. O tenente alcalde, Rubén García, manifestou o seu desexo de que o Museo de San Cibrao de Lás se inaugure o máis axiña posible porque é unha peza clave para a comarca. A apertura do centro de interpretación castrexa está prevista para decembro deste ano e nel poderánse ver exposicións permanentes e outro tipo de exposicións itinerantes. Ademáis, este museo vai ofrecer ó redor de 20 postos de traballo (cafetería, tenda de agasallos, limpeza, vixiantes...). Rubén García tamén destacou a posición estratéxica na que se acha a localidade e confía que a apertura deste museo favorecerá a desenrolo do concello e da comarca de O Carballiño, posto que o castro de San Cibrao é o máis grande de Galicia. Un patrimonio que foi estudado por ilustres como Xaquín Lorenzo, Cuevillas e Xesús Ferro Couselo.
Outra das convidadas foi Mónica Veloso, a vicepresidenta da Asociación cultural-deportiva Lansbricae, que manifestou a súa alegría ante a boa acollida que tivo a I edición da Feira do Rastro celebrada o pasado domingo día 12. A esta feira acudiron 26 postos con diferentes obxectos para vender: material informático, motos e coches antigos, roupa, comida, repostería, alfarería, cadros, forxa... Horas despois de iniciar o evento, os postos como o da repostería quedaron sen existencias e outros postos con materiais antigos acadaron un éxito rotundo. Lansbricae, coa celebración deste rastro, pretende recuperar a antiga feira que tiña lugar o día 26 de cada mes. Grazas a boa acollida que tivo, este rastro vaise celebrar os vindeiros meses de agosto e setembro; os postos que acudan non terán que pagar nada, xa que polo momento é una actividade piloto. E mostra deste éxito foi outra convidada ó programa, Cristina que tivo un posto de repostería na feira do rastro e corroborou o éxito que foi esta iniciativa dun grupo de amigos. "A verdade é que non me queixo porque a media mañá xa tiña todo vendido". A Asociación Lansbricae conta cunha historia moi recente, posto que fai un ano escaso que se fundou por iniciativa dun grupo de amigos; concretamente son catro as persoas que a integran, pero teñen a esperanza de ampliala a medida que pase o tempo. A súa subvención, polo momento, corre a cargo dos integrantes debido ó seu recente nacemento, ademáis teñen pensado outros proxectos para dinamizar a vida do concello.
Tamén estivo nos micrófonos Helena, monitora do Campamento Urbán, que contou as actividades que se estaban a desenrolar no concello con tódolos nenos cunha idade entre os 4 e 14 anos. Os monitores estánse encargando de que os máis novos non se aburran nestes meses de vacacións e para iso organizan actividades como obradoiros no colexio público, xogos cooperativos, manualidades e paseos en bici polos pobos do concello.
Este vindeiro domingo día 19, o pobo de Anllo celebra a II edición da Festa da Cabra. Ata alí achegáronse os microfonos do programa para adiantar algo do que vai acontencer dentro duns días no coñecido Campo da Festa de Anllo. Rosa Galiño é unha das organizadoras e das cociñeiras que se encargarán de preparar a exquisita carne de cabra guisada que declarou que non se prepara tan ben en ningún sitio como en Anllo. Son 100 os anos de historia que ten a receita de preparación da carne de cabra guisada e que foi pasada de xeración en xeración. Ademáis da carne de cabra tamén haberá carne ó caldeiro e pulpo á feira; para acudir a esta festa gastronómica é preciso sacar uns tickets que se poden adquirir no mesmo campo e ó remate da celebración terá lugar o sorteo dunha cabra.
Ó longo desta mañá, Cope O Carballiño trasladouse á Residencia de Maiores "San Amaro" onde estivemos co seu xerente, Jesús Pérez; Joaquín, xefe de cociña e Esther que é a directora do centro. A evolución que tivo esta residencia despois de celebrar un ano da súa apertura foi notable, porque comenzaron tendo a catro persoas e hoxe por hoxe contan con 36 maiores ó seu cargo. Co motivo do festivo local, festividade de San Mauro, a residencia celebrouno cunha paella á que acudiron tódolos residentes e os seus respectivos familiares para compartir con eles este día tan especial.
A súa directora explicou que a maioría da xente que alí residen son da capitalidade local e saen do centro cando queren para visitar as súas casas e para pasear polo pobo. Ademáis contan con salas de perruquería, ximnasio, amplas salas para que pasen o tempo de lecer e unha comida caseira que según palabras de Joaquín é "unha cociña caseira feita con moito cariño, que é o pilar fundamental". Nesta residencia traballan ó redor de 20 persoas, a maioría delas do Concello de San Amaro. Joaquín encárgase de ofrecer os mellores consellos culinarios para que a comida quede sempre perfecta.
Non podia fallar na "Mañá de Cope O Carballiño", a Banda de Gaitas de San Amaro integrada por mozos e mozas que se encargan de amenizar as rúas do pobo na véspera das súas festas. As súas próximas actuacións serán en Anllo o vindeiro 25 xullo, na honra a Santiago Apóstol e nas Neves de Grixoa, na honra da Virxe das Neves os días 5 e 6 de agosto.