O concello do Carballiño adxudica en 236.167 euros, a mellora das rúas Serra Martiñá e Testeiro, e varios camiños en Longoseiros, Paradela e Larouce.
A Mesa de Contratación do Concello do Carballiño resolveu o concurso de licitación de obras de humanización e mellora de dúas rúas urbanas e de pistas do rural por importe de 236.167 euros. As melloras levaranse a cabo nas rúas Serra Martiñá e Testieiro e en vías interiores do pobo de Longoseiros e nos accesos aos pobos de Paradela e Larouce.
A actuación que se levará a cabo na rúa Serra Martiñá consistirá na renovación da rede de saneamento e abastecemento no tramo inicial próximo aos catro camiños e o asfaltado da totalidade da mesma ata a urbanización de Corzos. A empresa adxudicataria é Oresa e adxudicouse por 82.602 euros.
As obras que se levarán a cabo na rúa Testiero inclúen a renovación e substitución da rede de saneamento existente, na actualidade en moi mal estado e a rede de abastecemento, que presenta problemas de roturas. Unha vez rematados estes traballos procederase á renovación do firme da estrada na súa totalidade con aglomerado en quente A empresa adxudicataria é Etelvino e Julio e optou á actuación cunha oferta de 98.792 euros.
No pobo de Longoseiros levarase a cabo a renovación de rúas interiores con formigón pulido, rebaixando a cota do cemento existente e botando unha nova capa que permitirá mellorar o uso dos camiños. A empresa adxudicataria da obra é Etelvino e Julio e o importe da licitación ascende a 23.750 euros.
Por último, a Mesa de Contratación adxudicou os traballos de mellora con asfalto aglomerado dos accesos aos pobos de Paradela e Larouce, sendo a empresa adxudicataria Leonardo Migueles por un importe de 31.023 euros.
Os traballos están financiados pola Deputación de Ourense, no marco do plan único para os concellos da provincia. Os traballos levaranse a cabo nos próximos meses e o Concello prevé que estean reparados na súa totalidade antes do próximo inverno.