O Concello do Carballiño blinda a atención á dependencia cun investimento de 4,5 millóns no Servizo de Atención no Fogar (SAF) para os próximos 4 anos

O Concello do Carballiño vén de adxudicar o Servizo de Atención no Fogar (SAF) por un total de 4,5 millóns de euros para os próximos catro anos (dous fixos e dous prorrogables).
Trátase do maior investimento neste servizo da historia do Carballiño, que blinda así unha atención de calidade para as persoas dependentes do municipio, tal e como resalta Silvia Baranda, concelleira de Asuntos Sociais. “É un importante desembolso para o Concello, pero quixemos asegurarnos de ter o mellor servizo posible para os nosos maiores e que non volva pasar o mesmo que coa anterior empresa, que non podía facer fronte ao pago das traballadoras polo aumento xeralizado de prezos”, explica a edila.
De feito, o propio Concello tivo que facerse cargo da paga extra de Nadal e dos salarios do mes de marzo do persoal da adxudicataria o pasado ano. “Despois de meses de problemas, vímonos na obriga de contratar outra empresa temporalmente ata que, por fin, puidemos efectuar esta adxudicación”, detalla. Para asegurar a calidade do servizo, o novo contrato establece un dos prezos por hora máis altos de toda Galicia. O custo da hora ordinaria (de luns a sábados) é de 24,80 euros, e o da hora extraordinaria (domingos e festivos) fíxase en 26,87 euros.
“Na anterior adxudicación a hora pagábase a 18 euros, polo que estamos falando dun incremento importante que vai repercutir non só na mellora das condicións laborais do persoal senon tamén nunha atención de maior calidade”, destaca Baranda. O investimento de 4,5 millóns de euros conta co apoio da Xunta de Galicia a través dunha subvención.
O SAF conta actualmente con máis dun cento de usuarios, dos que a maioría presenta un avanzado grao de dependencia. “Este é un servizo moi necesario para os nosos maiores e cada vez temos máis demanda porque a nosa é unha poboación envellecida. Queremos atendelos e darlles un servizo digno, que non teñan que sufrir problemáticas alleas a eles”, explica a concelleira, quen tamén recorda o importante papel do SAF para as familias coidadoras.