O concello do Carballiño e a Asociación O Carballiño-Ribeiro incluidos nos plans de sustentabilidade turística anunciados pola ministra Reyes Maroto, que tamén avanzou un plan de apoio ao comercio da comarca do Carballiño.
O PSdeG-PSOE aplaude as “históricas axudas” concedidas polo Goberno central para impulsar o sector turístico e o sector comercial de Ourense, tras unha “aposta transcendental” do executivo de Pedro Sánchez polo interior galego, que permitirá sumar investimentos por valor de 6,5 millóns de euros.
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, anunciou hoxe estas axudas durante unha conferencia-coloquio no Foro La Región, na que puxo o foco, entre outros asuntos, na importancia do turismo de interior. Concretamente, Maroto referiuse a tres plans de sustentabilidade turística que desenvolverán a asociación Carballiño-Ribeiro; a asociación Grupo de Desenvolvemento Rural Valdeorras e o Concello do Carballiño, así como ao plan Ourense Termal, ao que o ministerio achegou 1,3 millóns.
A ministra do Goberno de España tamén anunciou que o Plan de Recuperación á Competitividade do Sector Comercial achegará case 2,5 millóns públicos para potenciar ás pemes e aos autónomos, dando un sólido pulo a súa transformación dixital, competitividade e sustentabilidade. Concretamente, o Concello de Ourense contará con 2 millóns de euros para potenciar os servizos dixitais do tecido comercial da cidade e para mellorar a mobilidade sostible de zonas comerciais. Pola súa banda, a Deputación Provincial obterá unha axuda de 474.000 euros para o proxecto ‘CROu Next Generation UE: Dixital, Verde e Social’, que subvencionará o comercio rural das comarcas Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e O Carballiño.
Os e as socialistas ourensáns destacan o “esencial e inaudito esforzo que o executivo presidido por Pedro Sánchez está a facer para protexer algún dos piares básicos da nosa economía”, como son o tecido comercial local, o sector turístico ou a industria de Ourense e do resto do Estado, loitando polos “postos de traballo e polas economías pequenas e medianas”, así como “axudando aos empresarios e empresarias do noso comercio e do turismo ourensán a afrontar os novos retos que traen consigo a dixitalización, a transición ecolóxica ou a apertura cara novos mercados”. Desde o PSdeG-PSOE de Ourense aplauden estas “políticas sociais e económicas” que permitirán “protexer e defender negocios, empresas e iniciativas da nosa veciñanza” e por iso anuncian que seguirán “reclamando máis e maiores iniciativas públicas como estas” para convertelas nun “referente”.