O Concello do Carballiño e o luso de Alijó, co que está irmandado, estreitan lazos establecendo liñas de colaboración
O Concello do Carballiño e a Cámara Municipal de Alijó, localidade portuguesa coa que está irmandado, estreitan os seus lazos. O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, acudiu á Feira dos Vinhos e Sabores dos Altos, que se celebrou neste municipio luso pertencente ao distrito de Vila Real e tivo ocasión de establecer novas liñas de colaboración.
A ministra lusa de Cohesión Territorial, Ana Abrunhosa, presidiu a cerimonia de apertura da feira na que O Carballiño tamén se promocionou turísticamente. O edil fíxolle entrega da figura dunha pulpeira, co fin de poñer en valor a celebración que rende homenaxe ao prato típico e que estreou na última edición, a número 60, a declaración de festa de interese turístico internacional.
A presenza do Carballiño na Feira dos Vinhos e Sabores dos Altos contribuíu a dar a coñecer as bondades do concello. A Secretaria de Estado para la Valorización Interior, principal cargo de xestión para a loita contra a despoboación de Portugal, Isabel Ferreira, tamén mantivo un encontro co concelleiro de Turismo do Carballiño e manifestou a súa vontade de asistir á Festa do Pulpo que se celebrará o próximo mes de agosto.
José Paredes, presidente da Cámara Municipal de Alijó, localidade coa que O Carballiño se irmandou hai anos, recibiu de mans do edil unha figura da Veracruz en metacrilato, coa que se pon en valor un dos lugares máis emblemáticos da vila e se destaca que o concello ten moito que ofrecer, ademais da súa gastronomía. No encontro tamén estivo presente a vereadora de Turismo de Alijó, Sónia Andrea Rodrigues Pereira Pires.