O Concello do Carballiño modernizará a Praza de Abastos cunha reforma integral de 1,5 millóns de euros

3, Marzo 2026

O Concello do Carballiño levará a cabo unha reforma integral da Praza de Abastos para modernizar e dinamizar a área comercial, un espazo senlleiro da vila. O proxecto, presentado esta mañá no salón de plenos, está valorado en 1,5 millóns de euros.

“Esta reforma vai supoñer un cambio total da Praza actual, queremos unha Praza viva, con actividades, que dinamice o municipio”, apuntou José Castro, alcalde en funcións, na presentación.

A actuación inclúe a reforma integral do edificio, así como a mellora da zona exterior. No interior, haberá dous espazos: a planta baixa, onde estarán os postos dos praceiros, e a segunda planta, adicada á gastronomía, degustación e ocio, onde se colocarán negocios hostaleiros e haberá actividades lúdicas.

“Vemos que é un modelo que se está facendo noutras prazas de Galicia e que ten moi boa acollida entre a poboación”, destacou Diana González, concelleira de Comercio. En total, haberá 20 postos, unha cantidade inferior á actual, pero que responde ás propias demandas dos praceiros, que pedían aumentar o tamaño actual dos locais.

“Pensamos que é unha actuación moi interesante para toda a veciñanza do concello do Carballiño e tamén para o resto da comarca”, engadiu.

O proxecto enmárcase na Orde de Axudas da Xunta de Galicia para o impulso dunha rede de mercados de excelencia para dinamizar e revitalizar as prazas galegas.

A concelleira de Comercio deu conta do traballo levado a cabo por parte do goberno local: “Nunha primeira fase, fixemos o anteproxecto, coa diagnose da situación da Praza e dos futuros usos, e démoslle formación aos praceiros. Nunha segunda fase, fixemos o proxecto final da reforma, que inclúe o estudo de traslado para os praceiros durante o tempo de execución da obra, así como outra formación con eles”.

A primeira e segunda fase foron financiadas nun 80% pola Xunta de Galicia e nun 20% polo Concello do Carballiño. Nestes momentos, o goberno local ultima a firma dun convenio de colaboración coa Xunta e coa Deputación de Ourense para lograr a financiación do 100% do proxecto de reforma.