O concello instala paneis turísticos do Carballiño en espazos cedidos de balde pola sociedade propietaria do parking da rúa Concordia de Ourense

15, Febreiro 2022

A concellería de Turismo do Concello do Carballiño ven de instalar dous grandes paneis de promoción turística da vila carballiñesa na saída do parking Rúa Concordia, de gran afluencia na cidade de Ourense. Esta iniciativa foi posible gracias á cesión gratuita do espazo por parte da sociedade propietaria do aparcamento, unha familia de orixe carballiñesa, á que o Concello do Carballiño lle amosa o seu agradecemento.

O parking Rúa Concordia é utilizado cada ano por arredor de cen mil vehículos, e conta con ducias de prazas reservadas para os usuarios de diversos establecementos hoteleiros do centro da cidade, polo que é un emprazamento de gran interese para a promoción turística do Carballiño. Os paneis representan en imaxes os principais atractivos turísticos do Carballiño, como son o Templo da Veracruz, o Parque Municipal, o Camping Municipal, o Museo Etnográfico, os balnearios, o sendeiro do río Arenteiro, e a gastronomía, especialmente, a elaboración do pulpo á feira, cunha referencia concreta á Festa do Pulpo.

O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, asistiu á instalación destes paneis, que foron elaborados e colocados pola firma carballiñesa Publiocho, e que a partir de hoxe serán un bo reclamo turístico do Carballiño en Ourense, con especial incidencia nos visitantes da cidade.