O concello inviste 127.000 euros no asfaltado e mellora da rede viaria na parroquia de Longoseiros.
O Concello do Carballiño acometerá o proxecto de acondicionamento e mellora da pista que comunica os pobos de Godás e Longoseiros. O trazado que vai dende a N-541, en Godás, ata a estrada de Astureses por Longoseiros. Á obra destinarase un investimento de 127.136 euros. O prazo de execución dos traballos será de dous meses.
O proxecto "Asfaltado da pista Godás-Longoseiros" foi redactado polo arquitecto municipal, Sergio Mascareñas Nogueiras, e a zona de actuación comprende tres tramos ben diferenciados. A intervención principal será o asfaltado da pista que une Godás coa estrada de Astureses, un trazado de 1.753 metros.
Tamén se procederá a acometer a mellora da pista de Godás da Cima, que vai dende o vial principal á N-541 (con saída na zona da Isis Pharia, fronte á que vai da N-541 á fábrica do papel da Lavandeira). Neste caso actuarase sobre un trazado de 600 metros. A terceira zona que se mellorará con cargo a este proxecto é un vial do propio pobo de Longoseiros, de 174 metros.
En conxunto, sumando as tres zonas de actuación incluídas, o proxecto "Asfaltado da pista Godás-Longoseiros" contempla a mellora de 2.527 metros. É dicir, máis de 2,5 quilómetros.