O concello organiza charlas informativas sobre o avance do PXOM, que o PSdG tilda de "paripé"
Nota informativa do Concello
Tal e como anunciara o alcalde do Carballiño, tras a publicación na web municipal do avance do PXOM , ao pasar a tempada estival, o concello organiza charlas informativas sobre este avance en todas as parroquias do municipio, así como nas asociacións veciñais do municipio.
Esta primeira charla tivo lugar no centro social de Cabanelas, e a ela asistiron o alcalde do Carballiño, o edil de Obras, e o arquitecto municipal. O obxectivo desta charla, e das posteriores, é a de dar a coñecer a todos os veciños os termos do avance, explicado por técnicos competentes nesta materia, para poder obter o maior número de suxestións por parte dos veciños e propietarios de terreos e edificacións en cada zona.
Con este achegamento directo aos veciños o alcalde pretende achegar a este avance, que non terá que presentarse na Xunta de Galicia ata finais de 2015, o maior número de ideas e, sobre todo, a opinión que cada veciño e propietario poida ofrecer da súa zona xa que, ao ser os que mellor a coñecen, poder realizar un traballo participativo e o máis próximo ao usuario.
Estas charlas sucederanse todos os martes e xoves. Para este 9 de Outubro ás 20:00 horas no local social de Banga. A semana que ven, o martes 14 terá lugar en Baron e o xoves 16 en Sagra, para finalizar este primeiro período de charlas o martes 21 en Mesego e o xoves 23 en Partovia. Todas as charlas terán lugar no local social de cada parroquia, ás 20:00 horas.
Dende o concello solicítase a presenza do maior número de veciños, para poder achegar o maior número de opinións a este. Non obstante os veciños que non poidan acudir a estas charlas, poderán informarse directamente no departamento de Obras do concello carballiñés.
Comunicado dos Socialistas
O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño cuestiona as xuntanzas veciñais que iniciou esta semana o goberno local para explicar nas parroquias o PXOM, ao considerar que non son máis que un “paripé” que Marnotes decidiu facer despois de meses escondéndose para non enfrontarse aos veciños e tras negarse a anular o proxecto.
Marnotes demostra que os intereses da cidadanía non son a súa prioridade, xa que mentres o PSdeG leva meses reuníndose cos veciños para informalos sobre o plan, o alcalde vaino facer cinco meses despois do anunciado.
Ademais da súa falla de palabra, Marnotes amosa unha falla de respecto absoluta polos veciños, xa que vailles a informar sobre un proxecto que tanto el como outros membros do seu goberno recoñeceron que é un desastre, pero que se negan a retirar.
Así, no pasado pleno extraordinario o PP perdeu a oportunidade de recoñecer o seu erro e empezar de novo, como propoñía o PSdeG, evitando os graves prexuízos que este ordenamento urbanístico causa a moitos veciños.
De feito, soamente na parroquia de Seoane presentáronse xa mais de 600 suxestións a este proxecto, que se converterán despois en alegacións, o que demostra o descontento existente con e da unha idea do volume de alegacións que se van recoller. A isto hai que engadir os miles de sinaturas recollidas no Carballiño e parroquias do rural pedindo a retirada do proxecto do PXOM.
Por elo, non se entende a arrogancia deste grupo de goberno, ao que non lle importan os problemas que o PXOM lle causa aos cidadáns. Por unha banda, recoñece que o plan é desastroso pero non é capaz de tomar a decisión de paralizalo e volver a comezar de cero, cuns criterios claros e cun reparto máis xusto das zonas urbanizables, como propuxo o PSdeG.
Tampouco se entende que un alcalde que é arquitecto técnico e un concelleiro de obras que ten dedicación parcial no Concello e por tanto un soldo todos os meses, non fosen capaces de facer un seguimento do desenvolvemento do plan nestes tres anos e dos prexuízos que ía causar á maior parte da cidadanía.
.