O concello organiza un curso de micoloxía aplicada coa idea de promover o desenvolvemento sostibel do monte

21, Outubro 2016

Este curso pretende formar na multifuncionalidade do monte e nos cultivos alternativos ós tradicionais que na actualidade teñen máis valor de mercado. Con respecto á edición do ano pasado nesta farase en dúas fins de semana e consta tamén dun obradoiro de cociña e conserva de cogumelos.

O programa destas xornadas estaría formado por clases teóricas e cun gran componente práctico, tentando así transmitirlle ós participantes unha idea clara e sinxela dos métodos de cultivo e da riqueza micolóxica do monte galego.

A idea fundamental é a de que os discentes comprendan a importancia que teñen as producións de cogumelos a nivel agrícola así como a colleita no monte, facendo fincapé no aproveitamento de cogumelos como ingreso complementario á producción de madeira de calidade mediante a plantación de frondosas autóctonas ou coníferas micorrizadas. No referente ós cogumelos silvestres o principal obxectivo é o de ensinar ós participantes as principais especies de cogumelos que medran no monte e conciencialos da importancia do aproveitamento sostibel da productividade micolóxica, así como a importancia dunha colleita e identificación axeitada dos cogomelos no monte.

Os discentes aprenderán as diferentes técnicas para o cultivo en sacos e en madeira ou restos forestais. Deste xeito realizarase unha práctica para a produción dun saco de cultivo, seguindo todo o proceso dende a inoculación ata a incubación e produción final, así como a recoleción e transformación dos cogumelos. A conservación e cociñado de cogomelos é outra faceta moi interesante do mundo da micoloxía para poder sacar proveito a este manxar que nos da o monte ou ben o noso propio cultivo ecolóxico na casa.

O curso terá un gran compoñente práctico e dinámico. Ademais da base teórica, no curso realizaranse prácticas de cultivo de cogumelos sobre palla, recoñecemento de especies, micorrización e cociñado de cogumelos. Para a elaboración da cociña micolóxica é preciso unha instalación na que contemos cunha cociña con cabida para tódolos discentes. Este feito contribuirá a que os discentes teñan un coñecemento básico sobre os recursos micolóxicos de cultivo e do monte e poidan tomar decisións na realización de novos cultivos, de tarefas selvícolas ou na plantación de novas especies no monte, así como no seu aproveitamento futuro.

O coñecemento micolóxico contribúe directamente a que se mellore a xestión dos montes, xa que o propietario afecionado e concienciado procura a realización das correctas técnicas silvícolas (podas, rozas do mato e limpeza do soutobosque, plantación de árbores micorrizados,...) para desfrutar deste recurso. As prácticas realizaranse na aula e no monte. Ademáis levaráse a cabo un obradoiro de cociña no último día do curso, aprendendo a cociñar, degustar e conservar os cogumelos silvestres. Esta actividade realizaráse nun local habilitado polo concello para que todos os asistentes poidan cociñar os cogomelos.

Na visita ao monte realizaráse unha práctica de micorrización,recoñecemento de especies de cogomelos e explicaránse as técnicas de apañado de cogomelos, emprego de utensilios e clave dicotómica para o correcto recoñecemento das especies de cogomelos.

Os asistentes a esta saída poñerán en práctica os coñecementos adquiridos na clase teórica, supoñendo unha primeira toma de contacto coas especies de cogomelos atopadas, sendo guiados en todo momento polo formador presente na saída.

Venres 21de Outubro

Horario: 19.00h-22.00h “Introducción ó mundo dos cogomelos silvestres” “Principais especies de cogomelos comestibles e tóxicos de Galicia”

Sábado 22 de Outubro

10.00h a 16.00 h 10.00 h a 13.00 h “Visita ao viveiro de Hifas da Terra. Práctica de micorrización con Boletus edulis en castiñeiro ou carballo” “Saída ao monte para apañado de cogomelos, material e técnicas empregadas. Uso da clave dicotómica” 13.00 h a 16.00 h “Obradoiro de cociña micolóxica”

Venres 4 de Novembro

Horario: 19.00h-22.00h “A micorrización. A plantación de árbores micorrizadas, un exemplo de multifuncionalidade. O castiñeiro micorrizado. As novas plantacións: elección de planta, marcos, tarefas,...”

Sábado 5 de Novembro

Horario: 11.00h-14.00h “O cultivo de cogumelos na casa” Práctica de cultivo: “Elaboración dun saquiño productor de cogumelos (Pleurotus ostreatus)”