O concello traballa nun programa cultural para o verán adaptado ás medidas de prevención do Covid-19
A área de Cultura do Concello do Carballiño elabora un programa cultural para este verán respectando as medidas preventivas de separación e seguridade, requeridas polo Covid-19, e que se centrarán na celebración de eventos ao aire libre de pequeno e mediano formato con aforo limitado e uso de cadeiras.
Este programa está suxeito ás normas e protocolo que se establezan polas autoridades competentes unha vez que se acade a terceira fase da desescalada, prevista a partir de mediados do próximo mes de xuño.
Trátase de organizar, na medida do posible, eventos culturais de pequeno e mediano formato, cuxo obxectivo é ofrecer á poboación actividades culturais e de entretemento, ao tempo de contribuir á reactivación do sector da cultura, que está sendo moi afectado pola pademia que padecemos, así como á hostalería e ao comercio.
Os eventos desenvolveranse en tres escenarios: Praza Maior, auditorio da Veracruz e explanada do Parque Municipal, según as necesidades e características de cada evento.
Entre as actividades que se están programando figuran eventos vencellados coa fotografía, o cine, a música, a danza, o teatro, os monicreques e outros espectáculos de rúa.
Como non é posible levar a cabo as actividades que se programaban habitualmente, algunhas cambiarán de data e outras adaptaranse á actual situación. Así, non será posible celebrar as Xociviga 2020 no auditorio municipal, que serán substituidas por sesións de cine de calidade para todos os públicos ao aire libre.
Asemade, o Festival de Habaneras, que ía a ter lugar o primeiro sábado de agosto, aprázase en principio para o outono, e o Festival Outros Países, Outras Músicas desenvolverase probablente no mes de setembro.
A programación completa darase a coñecer no mes de xuño, unha vez que se publiquen os requisitos para manter todas as medidas de separación e seguridade, que garantan, antes que nada, a prevención en materia sanitaria das persoas asistentes aos eventos.