O concello tramita o traslado do cruceiro do Torrón, tras os danos sufridos polo temporal de Decembro
O forte temporal acaecido o 21 de decembro pasado, e que provocou a caída dun piñeiro de grandes dimensións sobre a estrada entre O Carballiño e Ribadavia, á altura do Torrón, non só deixou cortado este vial unha boa parte da noite, senón que afectou á base do cruceiro que se atopa na beira do monte onde tivo lugar o incidente.
Ante o perigo de derrube do cruceiro, a Concellería de Medio Rural, que dirixe Rosa Fuentes, leva realizando hai tempo os trámites pertinentes ante Patrimonio para proceder ao seu traslado a outra ubicación. Entre estes trámites figura un informe documentado que lle foi encargado pola concelleira ao historiador e presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Xosé Luis Sobrado, e que acaba de rematar.
Polo tanto, agárdase que en breve se consiga a autorización para trasladar o cruceiro de lugar sen que sufra ningún dano e contribuir así á súa preservación. Estúdanse varias ubicacións posibles, e para isto mantéñense conversas cos veciños.
Dase a circunstancia de que este cruceiro xa fora trasladado nos anos 90 do seu emprazamento orixinal a raíz da construcción do Eixo do Ribeiro, e, de feito, dende aquela ubícase nun monte que é propiedade privada.