O Concurso Fotográfico Tema Libre que promoven o Concello, O Potiños e o Centro Comercial Aberto repartirá case 1.000 euros en premios
A Asociación O Potiños segue contaxiando a paixón pola fotografía. Hai 15 días que a entidade organizou a iniciativa “Pon unha foto na rúa”, na que se fixeron 500 retratos que agora están expostos na Rúa Principal e que serán entregados aos protagonistas como agasallo. Agora o colectivo vén de presentar o Concurso Tema Libre, no que tamén colaboran o Concello do Carballiño e o Centro Comercial Aberto. Repartiranse case 1.000 euros en premios e valorarase a calidade técnica e estética.
A organización prevé que a participación aumente nesta edición, se ben na anterior xa foron máis dun cento os traballos presentados. Poderán enviar as súas obras todas aquelas persoas maiores de 14 anos, con un máximo de tres fotografías por cada participante. O tema das imaxes será libre, pero non poderán ter sido publicadas previamente, nin presentadas a outro certame. Poderase facer uso de material técnico de calquera tipo, así como do retoque fotográfico. As fotografías deberán enviarse á páxina web de O Potiños ata o 9 de setembro.
O Concurso Fotográfico Tema Libre foi presentado esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial e ao acto asistiu o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; a presidenta do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares, e o presidente da asociación, Manuel Blanco. O edil destacou a relevancia do certame, no que participan fotógrafos de diferentes puntos do país. Tamén agradeceu á entidade cultural a súa implicación coa vila. Noelia Mares afirmou que “a cultura tamén nos abre portas ao mundo” e felicitou a O Potiños pola súa traxectoria.
O presidente da entidade cultural, Manuel Blanco, agradeceu ao Concello e ao Centro Comercial Aberto a súa colaboración “para levar o nome do Carballiño por todo o país”. Asegurou que en pasadas edicións chegaron fotografías de moitos puntos, incluso de fóra de España. Coas 20 mellores imaxes que seleccione o xurado realizarase unha exposición.