O conselleiro de Política Social e o alcalde de Leiro ultiman a apertura do novo centro de día
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, entrevistouse no seu despacho de San Caetano co alcalde do concello de Leiro Francisco José Fernández Pérez.
Os dous mandatarios abordaron a situación da a atención persoas maiores neste municipio pertencente á comarca ourensán do Ribeiro. Nesta liña, acordaron continuar coa colaboración entre administracións para axilizar os trámites e abrir tan pronto como sexa posible ao longo deste ano o novo centro de día para persoas maiores, que ten unha capacidade máxima de 50 prazas e cuxa construción supuxo un investimento algo superior ao millón de euros.
Ao respecto, Rey Varela destacou a importancia que terá este equipamento para “promover e facilitar que os nosos maiores teñen un punto de encontro e manteñan un estilo de vida activo a través da organización de actividades e talleres orientados a conservar e potenciar as súas capacidades intelectuais, físicas e creativas”.
No que atinxe ao coidado das persoas maiores e dependentes, a Consellería de Política Social vén de incrementar o número de horas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dos concellos que forman parte da Mancomunidade do Ribeiro, entre eles o de Leiro.
Este aumento de horas no servizo foi do 5%, o que permite chegar a unha ratio de atención por riba do 93%. “O obxectivo é conseguir todas as melloras posibles na calidade de vida das familias e das persoas dependentes, para o que continuamos a incorporar de maneira progresiva a máis persoas aos diferentes servizos que integran o sistema autonómico de atención”, indicou Rey Varela.
Por último, Rey Varela e o rexedor de Leiro manifestaron a súa vontade de seguir afondando nas liñas de colaboración entre as dúas administracións co compromiso de buscar conxuntamente unha política social axeitada que se adapte as necesidades da devandita localidade.