O conselleiro Francisco Conde anuncia un novo programa integrado de emprego no concello do Carballiño, que chegará a un cento de persoas
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou o programa integrado de emprego do Carballiño, Carbaemprega 2017, unha iniciativa na que colaboran o Concello e a Xunta e na que preto da metade dos 85 participantes conseguiron xa encontrar traballo.
Segundo salientou Conde, iniciativas como a que se desenvolveu no Carballiño teñen por obxectivo incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas.
En concreto, os participantes en Carbaemprega adquiriron coñecementos de soldadura, operacións básicas de restaurante e bar, atención sociosanitaria, manipulador de alimentos e operador de carretilla elevadora, eidos que, tal e como fixo fincapé o conselleiro, trataron de adaptarse ás demandas laborais da zona para lograr un maior grao de inserción.
Durante a visita, o conselleiro anunciou que se lle dará continuidade a esta iniciativa cun novo programa integrado de emprego no Carballiño, que chegará a un cento de persoas e alcanzará, cando menos, un 45% de inserción.