O Consello da Xunta aproba definitivamente o escudo e bandeira oficiais do concello do Carballiño, antes xa o fixeran a Comisión de Heráldica e o propio concello.
O Consello da Xunta deu na súa reunión desta semana o visto e prace aos decretos polos que se aproban o escudo e bandeira do concello do Carballiño, que xa recibiran informe favorable na reunión da Comisión de Heráldica do 11 de abril.
Este órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de réxime local, é o encargado de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas.
Segundo vén definido no decreto, a nova bandeira oficial do concello do Carballiño está partida ao centro. Á hasta, leva o pano amarelo co carballo arrincado de verde e os dous osos na súa cor natural empinados ao tronco. A batente é de azul con catro ondas de branco.
En canto ao novo escudo oficial do concello do Carballiño, éste é de ouro (amarelo) e sobre ondas de azur (azul) e prata (branco), un carballo arrincado de sinople (verde) cos dous osos ao natural empinados ao seu tronco. Ao timbre, a coroa real pechada.