O Consello da Xunta compromete a execución de catro proxectos de melllora de abastecemento e saneamento nos concellos de Cea, Cenlle, Boborás e Leiro, cun investimento de 3,5 millóns de euros.

O Consello da Xunta de Galicia informou na súa reunión desta semana de catro proxectos en materia de mellora do abastecemento de auga e saneamento que se levarán a cabo nos concellos de San Cristovo de Cea, Cenlle, Boborás e Leiro, que suman en total 3,5 millóns de euros.
Así, cómpre citar a posta a punto da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Cristovo de Cea, comprometida a comezos deste ano cun investimento de 1,1 millóns e que permitirá corrixir as deficiencias técnicas que presenta a actual infraestrutura, así como dotala de sistemas tecnolóxicos que garantan un funcionamento automatizado e eficiente.
Outra actuación igualmente destacada dentro do noso ámbito é a renovación de infraestruturas hidráulicas básicas na parroquia de Laias, en Cenlle, cun investimento previsto de 500.000 euros para resolver os problemas de abastecemento e de saneamento que sofre esta zona por mor da antigüidade e continuas avarías das súas redes.
Por último, Augas de Galicia está ultimando a licitación doutros dous proxectos hidráulicos en municipios das comarcas do Carbaliño e O Ribeiro.
A primeira destas actuacións —con 900.000 euros de orzamento— centrarase na renovación dos sistemas de abastecemento e saneamento na travesía da Almuzara, na N-541, en Boborás, bastante envellecidos e que presentan filtracións e un funcionamento deficiente, ademais de carecer dunha rede de pluviais efectiva que evite a sobrecarga da fosa séptica existente.
Tamén se renovará con 1 millón de euros a tubaxe de abastecemento entre Pazos de Arenteiro e a ETAP de Leiro (concellos de Boborás e Leiro), que ten máis de 30 anos de antigüidade e que sofre roturas frecuentes que xeran cortes na subministración, afectando a adegas e servizos municipais.