O Consello da Xunta licita a 1ª fase da mellora da estrada OU-212 nos concellos de Beariz e Avión, cun investimento de 1,5 millóns de euros.

24, Marzo 2025

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión semanal celebrada este lúns 24 de marzo a licitación das obras de mellora da estrada OU-212 en Avión, que suporán un investimento de preto de 1,5M€. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé contratar esta actuación nos vindeiros días co fin de comezar a execución das obras no verán.

Esta intervención, cun prazo de execución de 14 meses, correspóndese coa 1ª fase de acondicionamento do tramo de algo máis de 6 quilómetros desta vía autonómica, entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo do Couso, no quilómetro 12+620. Os traballos incluirán a rectificación de curvas, a mellora do firme ou a ampliación da plataforma ata os 7 metros.

Ademais, humanizarase a travesía de Liñares, construíndo beirarrúas e bandas de aparcadoiro a un mesmo nivel, cun cambio no acabamento do pavimento e separación por bordo de 10 centímetros de anchura. Este deseño facilita que toda esta superficie poida ser utilizada polos peóns, tamén as bandas de aparcadoiro cando estas non estean ocupadas por vehículos.

A actuación prevé outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da sinalización, adecuándoa ao novo deseño da vía. Ademais, froito das reunións previas cos responsables dos concellos durante a planificación e redacción do proxecto, renovarase a capa de rodaxe de dous tramos da OU-212, para dar homoxeneidade á actuación, entre os puntos quilométricos 10 e 11 e entre os quilómetros 15 e 15+500, dentro do termo municipal de Avión.