O Consorcio Provincial aproba un orzamento no que se inclúe a adecuación da parcela cedida polo concello do Carballiño e mellorar as instalacións do parque comarcal de bombeiros

8, Outubro 2019

O Pleno do Consorcio Provincial para o servizo contra incendios e de salvamento, do que depende o parque de bombeiros do Carballiño-Ribeiro, aprobou os orzamentos da entidade para o ano 2020, que ascenden a un importe total de 4.261.000 euros.

"A aprobación dos presupostos para o vindeiro exercicio, con planificación e previsión, vai a permitir que o Consorcio continúe a traballar desde o 1 de xaneiro na mellora dos servizos que presta na nosa provincia, así como investir en innovación e en material dedicado ás intervencións", explicou o presidente do Consorcio Provincial, Pablo Pérez.

O obxectivo para este vindeiro ano é continuar "na mesma liña de traballo que durante estes anos anteriores, por elo, dedicaremos unha importante partida á innovación e ao material que se dedica nas intervencións, e acabaremos a adecuación da parcela que cedeu o Concello do Carballiño no parque de bombeiros para destinala a aparcadoiro e adaptala como lugar de adestramento para os propios bombeiros", sinalou o presidente do Consorcio.

Pablo Pérez fixo balance das medidas adoptadas ao longo do ano 2019 como "a adquisición de novos vehículos, material para operativos de intervención en emerxencias, unha cámara térmica de alta resolución para o dron híbrido, co fin de homoxeneizar as dotacións dos catro parques de bombeiros do Consorcio Provincial e reforzar tamén o último parque que abrimos, o do Carballiño".

Ademais do presidente do Consorcio Provincial de Ourense, tamén estiveron no Pleno a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o deputado provincial, Aurentino Alonso; a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o subdirector xeral de Seguridade e Coordinación na dirección xeral de Emerxencias e Interior, Jorge Atán Castro; o secretario do Consorcio, Juan Marquina; a interventora do Consorcio, Mónica Legaspi; o xerente do Consorcio, Celso Conde.