O CSIF mostra a súa preocupación polo xuizo da demanda da RPT do concello do Carballiño, interposta polo exconcelleiro Bernardo García
A vindeira semana vaise celebrar o xuizo pola demanda interposta polo ex-concelleiro de Alternativa Veciñal, Bernardo García, contra a RPT do Concello de Carballiño.
O sindiato CSIF "expresa a súa fonda preocupación pola dita demanda e a falta de información por parte do Concello de Carballiño en relación coa mesma".
Dende esta central sindical manifestan que "no caso de prosperar a demanda caería unha RPT, que foi un primeiro paso de moitos, que ten que dar o Concello do Carballiño, para a mellora das condicións laborais e económicas do persoal. Sendo a primeira RPT do Concello do Carballiño e que se acadou logo dunha longa negociación, de mais de dous anos, e cun amplo consenso da parte sindical e política".
Consideran que no caso de prosperar a demanda "cousa que a priori vemos difícil, xa que conta con todos os informes favorables, o persoal do Concello do Carballiño, veríase moi perxudicado nos seus dereitos laborais e económicos e isto afectaríalle aos vecinos do Carballiño na prestación de servizos".
Dende o CSIF pídenlle expresamente ao alcalde do Concello do Carballiño, como máximo responsable da política de persoal que adopte as medidas oportunas e se implique sen “medias tintas” na defensa da RPT, xa que a súa anulación "afectaría tanto ao persoal como a veciñanza do Concello de Carballiño",subliñan.