O delegado do Goberno, José Miñones , reivindica en GRI Towers o liderado das empresas galegas no “impulso decisivo do Goberno ás enerxías renovables con 16.000 millóns de euros"
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reivindicou esta mañá no Carballiño o liderado das empresas galegas no “impulso decisivo” do Goberno ás enerxías renovables con 16.000 millóns de euros mobilizados a través do Plan de Recuperación. José Miñones fixo estas declaracións no Carballiño, durante a súa visita á fábrica de torres eólicas GRI Towers Galicia.
“Co PERTE de Renovables, o Goberno está a alentar de forma decisiva unha transición enerxética deseñada e fabricada en España, unha transición que implica a fábricas e a persoais galegos como esta de GRI Towers”, valorou o delegado. Nesta visita á planta do grupo GRI Renewable Industries participou tamén o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o alcalde do Carballiño Francisco Fumega.
José Miñones sitúo GRI Towers Galicia como “exemplo do vigor do sector industrial de Ourense, do emprego de calidade, da colaboración público-privada e do impulso ás enerxías renovables” e celebrou que a comunidade galega teña “a capacidade de ter unha industria de renovables a nivel internacional”. Con todo, asegurou que é necesario “ser máis ambiciosos e apostar desde todas as administracións”. Nese sentido, censurou a contradición da Xunta respecto ao despregamento eólico: “Non se pode estar pola mañá falando da necesidade de actuar contra o cambio climático e pola tarde votando en contra de axilizar os trámites para a instalación de parques eólicos”, lamentou, e animou a impulsar o mapa eólico da comunidade.
O delegado tamén puxo en valor a contribución de GRI Towers ao sistema educativo público, como lugar de aprendizaxe de mozas que cursan FP Dual no Carballiño. “Esta é unha mostra do ensino de calidade, integrada e moderna que está a impulsar este Goberno”, afirmou o delegado, que remarcou a importancia da nova Lei de FP e dos 114 millóns de euros que o Goberno transferiu a Galicia no último ano para mellorar a formación profesional.
“Estamos convencidos de que non hai un proxecto máis transformador do tecido produtivo e da economía do noso país que a Formación Profesional, porque son estes profesionais os que construirán o futuro de Galicia”, defendeu o delegado. Nese sentido, engadiu que “o Goberno está a poñer as bases de futuro co Plan de Recuperación, para ser máis sostibles e máis verdes”. Ademais, celebrou poder comprobar “que Galicia conta con capacidades tecnolóxicas e industriais para avanzar neste camiño da man coas empresas implantadas na comunidade”. O impulso ás enerxías renovables terá un impacto especialmente positivo nos territorios afectados polo reto demográfico, como é o caso de Galicia e da provincia de Ourense.