O delegado territorial da Xunta visita Pazos de Arenteiro, un dos núcleos históricos nos que poden solicitarse axudas autonómicas para a compra de vivendas
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, visitou o centro histórico de Pazos de Arenteiro. O representante do Goberno galego aproveitou o percorrido pola localidade para explicarlle a nova orde de axudas para a compra de vivendas nos dez concellos da provincia, case medio cento en Galicia, que teñen declarado un centro histórico e cuxas bases saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 15 de marzo.
O delegado territorial informoulle “que o pasado 16 de marzo abriuse o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar esta liña de axudas ata o vindeiro 1 de setembro”, e subliñoulle “que se trata da terceira convocatoria deste programa, que para 2021 contará cun orzamento de 600.000 euros, case seis veces máis que a dotación coa que saíu convocada o ano pasado”.
Deste xeito, os beneficiarios poderán optar a unha axuda de ata 15.000 euros para financiar a adquisición dunha vivenda xa construída (xa sexa nova, usada ou necesite de rehabilitación) localizada nun dos centros históricos existentes en Galicia. Na provincia, poderán acceder a este tipo de axudas os concellos de Allariz, Boborás, Celanova, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, Verín, Vilar de Santos e Xunqueira de Ambía.
A finalidade, salientou Gabriel Alén, é a de contribuír a fixar poboación de forma estable nestas zonas, lugares emblemáticos e cunha grande riqueza patrimonial e arquitectónica.