O desfile carballiñés do antroido convoca a miles de persoas

21, Febreiro 2012

O martes de antroido volveu mostrar o seu gran poder de convocatoria no Carballiño. Miles de persoas -14.000 según cálculos da Policia Local do Carballiño- ocuparon as rúas polas que decorreu o desfile, que este ano estreou novo itinerario, con saída desde a rúa Castelao e remate na Casa da Cultura.

O bó tempo acompoñou a celebración e propiciou unha gran afluencia de público no centro do Carballiño, o que motivou tamén bastantes problemas para os automobistas que á hora do desfile buscaban onde poder estacionar. No cruce dos Catro Camiños, o paso das comparsas obrigou a cortar momentáneamente o tráfico na N-541, unha incidencia que provocou algunhas críticas.

750 persoas tomaron parte activa no desfile que abriron os incombustiles "Os Liborianos", e no que poideron verse desde vendedores de peixe atá bombeiros, pasando por un xardín encantado, anxos e demos, bolboretas, zíngaros, deportistas, parrandeiros ou gatos con botas. Tamén os Arrieros de Dacón coa súa tarta de 25 cumpleanos, ou a Coordenadora Veciñal do Irixo  que aproveitaron a ocasión para facer unha parodia contra a instalación da incineradora. Do total das 13 comparsas participantes, 2 procedían de San Amaro, 2 do Irixo, 3 do municipio de Maside, 1 de Boborás e 5 do Carballiño.

PRIMEIRO PREMIO DO CONCURSO PARA "AS MONARCAS DO IRIXO"

"As Monarcas" do Irixo, a comparsa máis numerosa -con 130 integrantes- levaronse o 1º premio do concurso, dotado con 1.300 euros. O Xurado considerou ao "Xardín Encantado de San Amaro" merecente do 2º premio, levanse 1.000 euros. A comparsa dos Azucarados de Maside "Os gatos con botas" obtiveron o 3º premio, ao que lle corresponden 800 euros. O 4º premio foi para os 25 anos dos Arrieiros de Dacón, "Anxos e demonios de San Amaro" levaronse o 5º premio, 350 euros, e finalmente, "O Mar chegou ó Carballiño" os 300 euros do 6º premio.

Concederonse accesits de 60 euros para "Os bombeiros de Toscaña", "O Bosque desanimado do Irixo" "O ximnasio o corpo non para" e "Os parrandeiros".

O premio especial de 300 euros á mellor animación, ocorrente e graciosa aos 25 anos dos arrieiros de Dacón, recibindo tamén un premio especial de 200 euros a comparsa de Aspadisi "polo afán de superación". O concello carballiñés tamén concedeu, fora de concurso, un premio de 900 euros a "Os Liborianos" pola súa animación ao antroido local.