O Dia da Bici agarda superar os 600 participantes nesta nova edición
Arredor de seiscentas persoas participarán na XIII edición do Día da Bici, que se desenvolverá este domingo, 22 de outubro, cun percorrido urbano de 9 km. Entres as máis de 400 persoas que xa están inscritas, figuran dende nenos de curta idade a un home de 84 anos.
A ruta partirá ás 11,30 h., dende a Praza da Veracruz e rematará sobre as 13,00 h., no mesmo lugar.
A previsión de bo tempo para o domingo fai albergar unha boa expectativa de participación, pois as persoas interesadas poderán inscribirse incluso antes de comezar a proba, dende as 10,00 h., ata as 11,30 h., no posto de información da Praza da Veracruz. Neste posto tamén se entregará o agasallo ás primeiras 400 persoas que se inscribiron.
O evento foi presentado esta mañá polo concelleiro de Deportes, José Manuel Dacal, e o directivo do Club Ciclista Carballiño e propietario de Sobre Rodas, Roberto Rodríguez.
Dacal explicou que se trata dunha iniciativa deportiva lúdica, non competitiva, que promove o uso da bicicleta como medio ecolóxico de desprazamento durante todo o ano, pero que se intenta que nesta xornada adquira maior importancia. Por iso, pediu disculpas aos veciños e conductores, xa que se cortarán moitas rúas da vila polo paso dos ciclistas.
Roberto Rodríguez agradeceu que se contase unha vez máis co Club Ciclista Carballiño para colaborar, e tamén animou aos carballiñeses e a toda a xente dos concellos da comarca ou de calquera outro lugar a que se acheguen ata O Carballiño e disfruten con esta ruta, que é totalmente lúdica e que de feito terá zonas e tramos de reagrupamento.
Asemade dixo que Sobre Rodas ofrecerá un servicio de asistencia mecánica antes do comezo para solventar calquera problema que xurda coas bicicletas.
A ruta terá un percorrido de 9 km e percorrerá as rúas Curros Enríquez, Conde Vallallano, Aldara, Principal, Martínez Avellanosa, Marcelino Larrondo, Avda. do Balneario, Pedriña, Canteiros, Astureses, Paseo do Arenteiro, Avda. de Vigo, zona Residencial, rúa Galicia, Calvo Sotelo, Principal, e remate na Praza da Veracruz.
Así mesmo, crearase un circuito na Praza da Veracruz para os máis pequenos, co obxectivo de que os que non poidan participar na marcha o fagan neste lugar mentres se desenvolva a ruta.
Ao remate do percorrido, previsto para as 13,00 h., realizaranse unha serie de sorteos entre os participantes, coa entrega dos agasallos correspondentes.
Finalmente, José Manuel Dacal agradeceu aos patrocinadores a súa colaboración, destacando á Deputación Provincial, Inorde, Coca Cola, Gadis, Megamo e Sobre Rodas, así como á Garda Civil, Policía Local e Protección Civil.