O Director de Augas de Galicia presenta aos veciños o proxecto para solucionar a problemática do abastecemento público de auga
O director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, recibiu a unha representación de veciños de Punxín, co fin de comunicarlles que a Xunta de Galicia está a poñer todos os medios ao seu alcance para arranxar o problema de abastecemento de auga deste municipio debido á presenza de arsénico. Esta xuntanza é a terceira logo dunha co delegado territorial e outra con responsables do organismo autonómico para expoñer o proxecto que se está a tramitar.
A poboación en 2013 dos tres concellos sumaba 3.256 habitantes, polo que o investimento a fondo perdido que fará a Xunta de Galicia ascende a uns 1.000 € por habitante, para un total de máis de 3 millóns de euros, o que significa un gran esforzo que se fai dende o Goberno galego para mellorar a situación actual. Tamén, explicou que ten dotación nos orzamentos para que sexa posible iniciar as obras neste mesmo ano 2014
Menéndez transmitiulle aos veciños que a obra de abastecemento licitarase, previa autorización do Consello da Xunta de Galicia, cando estean dispoñibles todos dos terreos necesarios para executar as obras. En concreto, é precisa a conformidade da Comunidade de Montes de Ourantes para permitir a achega de terreos por parte do Concello de Punxín. Cabe indicar que Ourantes é un dos lugares con maior problemática histórica no seu abastecemento, polo que non deberían existir trabas para esta actuación. Os veciños transmitiron a necesidade de estender a nova rede a outros núcleos do concello, o cal será valorado por Augas de Galicia nas próximas semanas, pero descartando a modificación do actual proxecto xa que suporía un importante retraso na súa tramitación.
Así mesmo, Francisco Menéndez indicoulles que a Xunta de Galicia estudará os documentos ao respecto do custe do servizo e asesorará ao Concello de cara á revisión das tarifas de cara ao ano 2015, no caso de que proceda.
Os traballos que se van a levar a cabo teñen como obxectivo principal rematar co problema de déficit de auga de Punxín e dos concellos limítrofes de Cenlle e San Amaro a través dun proxecto de mellora do abastecemento que xa está redactado e foi sometido a información pública, e que será levado en nas vindeiras semanas a Consello da Xunta.
Obras a realizar
Na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Razamonde mantense o actual sistema de potabilización e o bombeo ao depósito dun caudal de 20 l/s (con posibilidade de ampliación a 40 l/s). Vaise construír un edificio, próximo ao depósito de Razamonde, para bombear auga potabilizada ata o Alto de San Trocado (20 l/s), onde se fará un depósito regulador cunha capacidade de 500 m3.
Dende aí executarase unha rede de abastecemento en alta para o Concello de Punxín, que chega ata Barbantes, enlazando coa rede xeral do citado municipio e, en Barbantes, construirase un depósito de 75 m3. Esta instalación suministrará auga aos depósitos de Ourantes, Ventosela e Rubiás, e outra rede de distribución en alta conectará o novo depósito regulador cos depósitos de cabeceira de San Amaro e de Cenlle, este último de nova execución con 200 m3 de capacidade.