O drama demográfico: A Comarca do Carballiño perdeu o 40,4 da súa poboación nos últimos cincuenta anos
A comarca do Carballiño sumaba na década dos anos sesenta do século pasado unha poboación de 44.943 habitantes no conxunto dos 9 concellos que a integran, cincuenta anos despois e tras a última actualización dos datos do padrón municipal de habitantes nos respectivos concellos, a cifra da poboación comarcal quédase en 26.765 habitantes.
O descenso de poboación é dende fai medio século imparable e constante en todos os municipios, coa excepción da capitalidade comarcal, xa que o concello do Carballiño -a pesar de levar tamén os catro últimos anos consecutivos de retroceso- asi e todo é o único que conseguíu aumentar o seu número de habitantes nos últimos cincuenta anos. O "efecto" cabeceira de comarca fixo que O Carballiño aumentase a súa poboación en algo máis de 4.000 persoas, en relación aos datos de medio século atrás.
No resto dos oito concellos da comarca -Cea, Piñor, O Irixo, Boborás, Maside, Punxín, San Amaro e Beariz- a sangría demográfica é manifesta, das algo máis de 35.000 persoas que residían nestes municipios fai medio século atrás, apenas quedan 13.000. O dato é absolutamente demoledor.
A decadencia do rural, a emigración, e o desplome da natalidade, provocan esta situación de auténtico drama demográfico, unha realidade que leva á comarca a súa potencial extinción a unhos anos vista.
Porque, ademáis, o envellecemento da poboación comarcal está xa nunhos niveis que serían impensables fai tan so unhos anos, e o número de pobos que van quedando abandoados no territorio comarcal aumenta cada ano.
Por exemplo, o municipio do Irixo, dos seus 1519 habitantes (con trampa, porque moitos deles aínda que empadronados no Irixo, residen no Carballiño) resulta que o 50% dos mesmos son maiores de 65 anos, e entre eles, máis de 300 son maiores de 80 anos. Os menores de 10 anos apenas son 35 en todo o municipio, e algunha das súas parroquias `-por exemplo Reádigos- será moi probablemente unha das primeiras entidades parroquiais en desaparecer como tal, ao quedarse sen veciños.