O Encontro Literario programa debates, xogos e concertos no auditorio do Carballiño
Dende Hogwarts ata O Carballiño. Se Harry Potter foi a temática do ano pasado, nesta edición do Encontro Literario de Ourense serán protagonistas os espazos máis emblemáticos do Carballiño. Así, neste evento cultural que se desenvolverá durante a xornada deste sábado dia 20 de agosto, haberá seis mesas de debate nas que participarán recoñecidos escritores e escritoras que levarán os seguintes nomes: Balneario, Pulpo á feira, Muíño das Lousas, Templo da Veracruz, Parque Municipal e Pena dos Namorados.
O Encontro Literario foi presentado no salón de plenos da Casa Consistorial polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e as organizadoras Cristín Ferro e Lizzie Quintas. O edil destacou que a iniciativa “estase consolidando a nivel estatal” e agradeceu que se faga nesta edición un guiño ao Carballiño e aos seus fermosos recunchos.
Lizzie Quintas explicou que nesta ocasión o Encontro Literario de Ourense terá o Auditorio Manuel María como escenario e que xa son 60 as persoas inscritas, se ben todos os interesados poderán acceder e disfrutar da programación, que se estenderá dende as 10.00 da mañá á notiiña, con debates, xogos e os concertos de Jorge Cervantes e Sueños de Ítaca na Alameda. Quintas tamén agradeceu ao Concello a súa colaboración e engadiu: “Temos moitas gañas de mostrar todo o noso traballo para organizar esta edición”.
Pola súa banda, Cristín Ferro destacou a relevancia dos escritores e escritoras que se darán cita no encontro, destacando que son moitos os que repiten e que chegan de diferentes puntos do país. Tamén animou a todos os veciños, veciñas e visitantes a participar: “Agardo que os amantes da literatura poidan darlle unha oportunidade a esta iniciativa cultural, que seguro que non defrauda”.