O entroido máis enxebre da comarca está en Figueiroa de Cameixa ata o domingo 6 de marzo, aquí tes un album fotográfico.
Figueiroa é un lugarciño da parroquia de Cameixa, no concello de Boborás, onde encontrarás ata o domingo 6 de marzo un xenuíno ambiente do entroido de sempre, con mecos e mecas cheos de retranca a algunhas das noticias máis parrandeiras dos últimos meses, como a historia de Manolo de Xaniño, afortunadamente rescatado despóis de pasar horas atrapado nun pilón tras unha noite de esmorga.
O visitante que se achegue estes dias ata Figueiroa poderá repostar un grolo de licor café ou augardente na taberna ou na propia gasolineira da zona, botar un baile na recuperada discoteca Isis Pharia, e ata un motel para recuperarse e que non haxa problemas cos controis de tráfico. Despóis de pasala noite no motel, poderán comprar algo no mercadiño da feira, con boas ofertas, e tomarlle un viño da zona, por suposto, da adega Pazo Tizón.
Xogo, humor, gastronomia e moita imaxinación, e todo elo saído do maxín de José Luis Sotelo "O Rubio de Cameixa" e veciños, mantendo vivo o espírito da festa do entroido no noso rural, sen dúbida, entre o máis auténtico de toda a comarca.