O Festival Internacional de Música Pórtico da Gloria elixe ao mosteiro de Oseira para o concerto do cuarteto vocal "The Orlando Consort", que terá lugar o 14 de maio.

7, Marzo 2023

O XVI Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso ofrecerá do 5 ao 14 de maio cinco concertos de conxuntos vocais e instrumentais procedentes de Portugal, Reino Unido e Galicia, coa participación do pianista ourensán Fabio Álvarez e a estrea como escenario do mosteiro de Santa María de Oseira, que acollerá a última das interpretacións programadas. O festival foi presentado no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e o director do certame, Juan Enrique Miguéns.

Rosendo Fernández cualificou o festival como “unha porta sempre aberta á música culta e de calidade, coa aposta firme da Deputación de Ourense”. Una cita musical, afirmou, “xa consolidada polo respaldo do entendido público ourensán e de cantos nos visitan, ademais de destacar pola contribución á posta en valor de emblemáticos inmobles de gran beleza arquitectónica na provincia, coa estrea este ano por primeira vez do pequeno Escorial galego: o mosteiro de Santa María de Oseira”. Fernández expresou os seus parabéns aos organizadores, a Asociación Pórtico do Paraíso, “que sempre demostra unha gran profesionalidade para alcanzar o éxito, como estou seguro será tamén na presente edición”.

Jacobo Sutil tamén felicitou á organización “por esta magnífica programación”, resaltando a capacidade de xestión demostrada “para reunir tantos intereses, non só desde o ámbito público co patrocinio da Deputación e a colaboración da Xunta de Galicia, ademais do goberno de Portugal, senón tamén a un importante número de empresas e entidades privadas”. Como administración pública, incidiu o director de Agadic, “a nosa obriga é proporcionar todo tipo de cultura á cidadanía e neste caso con un proxecto gourmet, pequeno por número de concertos, pero grande pola súa calidade e a mestura dunha música non habitual coa riqueza patrimonial da provincia”.

Concertos no Liceo, mosteiro de Santo Estevo e Oseira

Juan Enrique Miguéns agradeceu o patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración de Agadic no XVI Festival Pórtico do Paraíso, que ademais volverá incluír cinco concertos na presente edición “grazas á maior implicación do goberno portugués, que vén colaborando con nós por segundo ano consecutivo, e que nos permite contar co cuarteto luso Alcipe”.

O certame, explicou o seu director, comezará o día 5 de maio cun primeiro concerto no Liceo de Ourense a cargo do conxunto vocal e instrumental Americantiga Ensemble (20.30 horas), que repite presenza. Esta vez regresa a Ourense cunha formación diferente e un programa musical para conmemorar o bicentenario da independencia de Brasil.

O segundo concerto será o 7 de maio no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (19.00), a cargo do pianista Fabio Álvarez, músico ourensán de Poboa de Trives que presentará ao público o seu segundo traballo discográfico. Chegados de Lisboa, o Quarteto Alcipe protagonizará a terceira xornada o día 10 na igrexa de Santo Ángel de Ourense (20.30). O Liceo acollerá o cuarto concerto, o 12 de maio (20.30), cun trío inglés de viola, violín e acordeón con obras clásicas no seu repertorio, pero tamén con certa parte de improvisación e de música popular.

O mosteiro de Santa María de Oseira será escenario do último concerto do festival, o domingo 14 de maio (19.00), co cuarteto vocal inglés The Orlando Consort, un dos conxuntos máis importantes de Europa no seu xénero. A súa presenza terá un carácter moi especial, pois logo de 35 anos de carreira o cuarteto vén de anunciar o seu retiro. O concerto de Oseira será o último que ofrezan en Europa.

Toda a información está dispoñible no sitio de internet porticodoparaiso.com