O Festival Internacional Pórtico do Paraiso trae a O Carballiño á Escolanía de Segovia, este venres dia 6 na Veracruz
Por primeira vez nos trece anos de historia do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso, a sesión de apertura non terá lugar na catedral de Ourense, senón no Templo da Veracruz do Carballiño, e o fará cun concerto do coro de voces brancas da Escolanía de Segovia, que é un referente da música coral en España.
O concerto, que é de entrada libre ata completar o aforo, comezará ás 20,30 h deste venres, 6 de marzo, e ofrecerá un repertorio variado, ameno e novedoso, que vai dende a música sacra ata o jazz, pasando polo barroco ou incluso a música africana.
A Escolanía de Segovia é un coro de voces brancas, dirixido por María Luisa Martin, que conta con vinte anos de historia e unha traxectoria de gran prestixio. Así, ten participado en numerosos festivais, mostras corais e acontecementos destacados, como a XLIV Semana de Música Religiosa de Cuenca, a inauguración do auditorio Miguel Delibes de Valladolid, Auditorio Nacional de Madrid, XXIII Festival de Música Española de León, VII Festival Internacional de las Artes de Castilla y León ou diversas edicións da Semana de Música Sacra de Segovia e do Festival de Segovia.
A Escolanía realizou colaboracións con prestixiosos coros, orquestras, artistas e directores, como o coro e orquestras nacionais dirixidos por Frühbeck de Burgos, o Coro e Orquestra Barroca de Ámsterdam dirixidos por Tom Koopman, a Orquestra Sinfónica de Castilla y León dirixidos por Alejandro Posadas, Coro de la Comunidad de Madrid e a OSCyL dirixidos por Jesús López Cobos e por Lionel Bringuíer, o Coro e a Orquestra de RTVE dirixidos por Semyóm Bychkov, a Coral y Orquesta Politécnica de Madrid, a Orquesta Carlos III de Madrid, o cantautor Amancio Prada e os grupos La Carraca, a Capilla Jerónimo de Carrión e Los Calchakis.
O evento foi presentado esta mañá no concello do Carballiño polo alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o director artístico do festival, Juan Enrique Miguéns e a coordinadora do mesmo, Conchi da Silva.
Francisco Fumega agradeceu a deferencia da Asociación Pórtico Musical por elexir O Carballiño como lugar de inauguración do festival, e por traer este concerto da Escolanía de Segovia ao Templo da Veracruz, nun ano no que o concello do Carballiño desenvolverá un programa extraordinario con motivo do 75 aniversario da morte de Antonio Palacios, que deseñou o templo. “É un orgullo e un pracer poder disfrutar no Carballiño e nun marco tan emblemático como é o Templo da Veracruz dun concerto de música deste nivel”, dixo o alcalde.
Juan Enrique Miguéns dixo, en correspondencia coa declaración do rexidor municipal carballiñés, que “os agradecidos somos nós, pois necesitábamos un lugar cunhas características acústicas e de capacidade moi concretas, e queremos recoñecer o esforzo do Concello do Carballiño por colaborar coa organización deste evento”. Ao respecto, lembrou que era a primeira vez que a inauguración do festival non ía a ter lugar na catedral de Ourense, e que estaba satisfeito de que O Carballiño ofrecese un encaixe perfecto para este concerto.
Resaltou as cualidades e a traxectoria do coro de voces brancas da Escolanía de Segovia, e dixo que ía ofrecer un repertorio variado, ameno e novedoso. Destacou que se trata dunha formación moi interesante, composta por 50 voces, e que nalgunhas pezas acompáñase con piano e incluso con percusión. Desde logo, dixo, será un concerto moi atractivo e nada habitual na provincia de Ourense. Finalmente, animou á xente a que se volque neste concerto e acuda a disfrutar ao Templo da Veracruz.
Conchi da Silva engadiu que por parte da Escolanía de Segovia hai un gran entusiasmo por esta actuación, e que incluso hai moitos familiares que veñen acompañando ao coro, e que esperan disfrutar das excelencias do Carballiño e de Ourense durante a fin de semana. Por este motivo, dixo que o festival, ademais da faceta musical, ten unha vertente de promoción turística, dando a coñecer Ourense e a provincia, e situala como referente dun gran evento musical como é o Festival Pórtico do Paraíso.
Diego Fernández, finalmente, expresou o seu orgullo por esta oportunidade de que O Carballiño acolla un evento musical do máximo nivel e interese, e ainda máis por ter lugar no Templo da Veracruz nun ano no que se lle vai render homenaxe ao arquitecto Antonio Palacios.