O FETEGA ofrece no Carballiño catro días de espectáculos teatrais, do 6 ao 9 de Setembro
As representacións comezarán o martes día 6 coas funcións de rúa con 'A Maruxaina do Arenteir' da compañía Barafunda, que realizará tres pases ás 11:00, ás 17:00 e ás 19:30 horas. Nesta mesma xornada inaugural terá lugar a representación do Auditorio Municipal, a cargo da compañía Inversa Teatro con 'O péndulo' ás 20:00 horas.
O mércores 7 volverá actuar Barafunda con mesmos horarios para as representacións ao aire libre co seu espectáculo 'A pomba que te alegra', e no Auditorio a representación 'O deus do pop' de Diego Anido (na foto que ilustra esta información).
O xoves 8 Barafunda volverá ás rúas do Carballiño con 'O titiriteiro e o demo', mentres que o anfiteatro da Praza dd Veracruz acollerá outra función ao aire, a compañía O barandullo azul representará 'Mestre ma non troppo' ás 20:00 horas, e no auditorio á mesma hora representarase 'Rapsofá' da compañía Xerpo.
O venres 9 chega a xornada final do festival con 'Octavio e o premio' polas rúas, e a obra 'Home' da compañía Cou.media-Antón Coucheiro no auditorio, ás 20:00 horas. A clausura do FETEGA 2022 será na Insua dous Poetas ás 22:30 horas con 'Mentres dure a canción'.
Como xa acontece dende fai varios anos, o certamen teatral carballiñés non se presentou no Carballiño, senón en Ourense, na sede da Deputación, onde a deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, presidiu un acto ao que asistiron o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández; o director do certame, Carlos Ledo; o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar; e o representante de Aspadisi, Manuel Amil.
“A cultura é un dos piares fundamentais para este goberno provincial”, declarou Patricia Torres, polo que a Deputación “non dubidou en apoiar esta nova edición que ofrece un cartel de calidade que seguro espertará o interese do público”. A deputada, que subliñou o carácter solidario do festival e, sobre todo, o feito de que se desenvolva todo en galego, engadiu que durante a pandemia e o confinamento “quedou claro que a cultura era a única vía de escape, nas súas diversas modalidades, polo que non podemos ser alleos á colaboración con iniciativas como esta”.
Para Anxo Lorenzo “trinta e tres edicións non son poucas”, máxime ademais mantendo “unha aposta clara pola produción en lingua galega”, palabras ás que se sumou Diego Fernández asegurando que o festival “é un motivo de orgullo para todos nós, pois falar de teatro galego dentro e fóra da nosa comunidade tamén é falar do Carballiño”.
Luis González Tosar, que agradeceu a oportunidade ofrecida á Fundación Insua dos Poetas para colaborar co certame, anunciou que na edición do próximo ano promoverán un premio “destinado a dramaturgos que elaboren proxectos teatrais galegos para interpretar en espazos non convencionais”. O 20 % da recadación do festival irá destinado a Aspadisi, “un xesto que permitirá facer visible un labor de 27 anos”, agradeceu en nome desta asociación, Manuel Amil.
O director de FETEGA, Carlos Ledo, que recoñeceu o decidido apoio da Deputación a este evento, ofreceu os detalles dunha programación que inclúe dez espectáculos teatrais que terán como escenario o auditorio municipal, as rúas da vila, o anfiteatro da praza da Veracruz e a xa citada Insua dos Poetas.
O festival inclúe os premios Dorotea Bárcena ao mellor espectáculo, escollido polo público, e o premio de honra que nesta edición recoñecerá a traxectoria de Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, polos seus 39 anos de carreira como marionetista e referente do teatro de obxectos en Galicia.