O futuro parque empresarial de Beariz contará cun novo vial de acceso, para o que a Xunta achega 445.000 euros

26, Marzo 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o investimento da Xunta de 445.000 € para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada autonómica OU-212, reforzando a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio.

Vázquez Mourelle presentou en Beariz as obras e informou da publicación hoxe na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia da licitación da execución deste acceso ao futuro parque empresarial de Lebozán, conectando o viario interior coa OU-212, que comunica Beariz con Avión e tamén coa estrada N-541, que une Pontevedra e Ourense, dándolle maior operatividade ao polígono.

Apuntou o obxectivo da Xunta de iniciar estes traballos en setembro, polo que que a comezos de 2023 poderán estar rematados, xa que contan cun prazo de execución de 4 meses.

O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas rematará o 20 de abril. Segundo dixo a conselleira, no período de valoración e adxudicación das obras avanzarase en paralelo nas expropiación das 6 fincas necesarias para que o futuro parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde a OU-212.

A titular de Infraestruturas subliñou que esta actuación é o resultado dun minucioso estudo previo, onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. Así, a solución concreta a proposta recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan especial.

Explicou que con estas obras actuarase na estrada OU-212 ao longo duns 250 metros, pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.

A conselleira concretou que a intervención inclúe a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde esta estrada autonómica cara a área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.

Na zona onde se realizará a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente. Así, tal e como indicou a conselleira, o deseño da nova conexión adáptase á contorna, aproveitando esas estruturas sobre o regato, e respectando todos os parámetros recollidos na normativa.

Adiantou que na intervención tamén se procederá á instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.

A actuación complementarase coa mellora da sinalización, horizontal e vertical, a dotación de sistemas de contención de vehículos e axardinamento.