O grupo de goberno reúnese con comerciantes, hostaleiros e empresarios para avanzar na "folla de ruta municipal para a reactivación económica"
O grupo de goberno municipal mantivo hoxe dúas reunións con representantes do sector do comercio e da hostalería co obxectivo de perfilar as axudas e a folla de ruta a seguir de cara a colaborar na reactivación da economía local. Asimesmo, está previsto que se reúna mañá con representantes do sector empresarial do polígono industrial e do parque empresarial carballiñés.
A estas reunións aisitiron o alcalde, Francisco Fumega; o teniente alcalde e concelleiro de Turismo e Promoción do Emprego, Manuel Dacal; a concelleira de Comercio, Silvia Baranda, e a concelleira de Medio Rural e Servizos Públicos, Rosa Fuentes.
Nas reunións, encamiñadas a manter unha estreita colaboración entre o tecido económico do Carballiño e o Concello, adoptáronse diversos acordos, entre eles, a posta a disposición dos comerciantes, hostaleiros e empresarios dun número de teléfono e un correo electrónico para informar de todos os pormenores e consultas relativas ás aperturas e normativa tras o descofinamento escalonado polo covid-19. Este número de teléfono e correo electrónico estarán atendidos polo departamento municipal de Orientación Laboral, con dúas orientadoras laboráis para a súa xestión.
Asemade, acordouse establecer os criterios para elaborar as bases das axudas municipais que se establezan para estes sectores, así como as necesidades máis apremiantes que teñen de cara á apertura e comprimento da normativa, como poden ser equipos de protección, xeles, mascarillas, desinfección, etc, entre outras necesidades.
Para poñer en marcha este plan de choque de reactivación do tecido económico e empresarial local, o concello conta tamén coa colaboración desinteresada das empresas locais de marketing e promoción económica, Infoxiro e Intrend.
Á reunión do sector hostaleiro acudiron representantes de todas as modalidades do sector, como cafeterías, restaurantes, hoteis e pubs.
E á reunión do sector do comercio, que se celebrou a continuación, acudiron representantes do Centro Comercial Aberto, así como do comercio non adscrito a esta asociación.
A reunión cos representantes do sector industrial do polígono e do parque empresarial celebrarase mañá pola mañá.