O grupo popular asegura que o incremento do 2,7% nas taxas e prezos públicos que pretenden aprobar os socialistas é ilegal, e advirten que acudirán á xustiza se non rectifican
O grupo municipal popular manifesta que " no pleno se vai celebrar o próximo mércores no Concello do Carballiño, o Grupo de Goberno pretende subir o 2,7% de todos as taxas e prezos públicos que cobra no Carballiño, sen facer caso de todos os informes dos técnicos municipais que lle están dicindo que esa suba é ilegal".
Recordan que no pleno do pasado mes de outubro, os socialistas aprobaron inicialmente a suba "a pesar de que os informes xa os advertían da ilegalidade, e agora pretenden manter a súa postura, sen tan sequera molestarse en dar unha explicación". Asemade, engaden que esta subida das taxas e prezos públicos municipais aprobouse iniciamente "cos votos en contra de toda a oposición, a pesar de que os informes técnicos de Tesourería e intervención estábanlle dicindo que era ilegal. O Grupo Popular fixo alegacións contra esa suba, dándolle a oportunidade de rectificar, pero atopámonos con que non teñen a intención de facelo".
Aseguran os populares que "dende o primeiro momento os informes dos técnicos municipais (todos, intervención, secretaría e tesouraría) eran clarísimos, dicindo que non podían facer esa suba, e agora, ao examinar as alegacións presentadas, son aínda moito máis".
E mesmo fan referencia literal ao informe do Secretario: “Visto o art. 25 do TRLFL que dispón que os acordos de establecemento de taxas pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público, ou para financiar total ou parcialmente os novos servizos, deberán adoptarse á vista de informes técnicoeconómicos nos que se poña de manifesto o valor de mercado ou a previsible cobertura do custo daqueles, respectivamente. Este informe incorporarase ao expediente para a adopción do correspondente acordo. Os informes tecnico-economicos que non consta no expediente, e sobre o que versa este informe, o que unido a mais que ampla xurisprudencia existente suporán a nulidade do procedemento e cos efectos recollidos no presente informe.”
Os populares tamén indican que "Interventor e mais da Tesoureira abondan na mesma línea, esixindo os informes económicos que o Grupo de Goberno non fixo nen quere facer, acordando a suba dos impostos sen que existan motivos para elo".
Finalmente, o Grupo Popular advirte que "non vai consentir estes feitos, polo que de non retirar esta suba ilegal e inxustificada das taxas e prezos públicos do Concello, estudará acudir aos tribunais para obrigar o Grupo de Goberno a cumprir a lei, e a non subirlle os impostos os veciños sen xustificación ningunha".