O grupo provincial socialista demanda de Deputación e Xunta maior compromiso para lograr viabiliade e estabilidade nas Casas Niño nos concellos rurais

O Grupo Provincial Socialista leva unha iniciativa á Deputación para garantir a estabilidade e viabilidade das denominadas “casas niño”, ao considerar que “desenvolven un papel crucial na atención á infancia e á conciliación familiar, contribuíndo de paso a fixar poboación nas zonas máis despoboadas”.
“Queremos poñer o foco na realidade desta figura fundamental no noso rural e, nomeadamente, na problemática das súas traballadoras e traballadores, falsos autónomos sobre os que recae todo o peso dun servizo que teoricamente leva a cabo pola Xunta”, subliña Álvaro Vila, voceiro socialista na Deputación, desde A Parruliña, unha casa niño situada no Lugar de Outeiro, en Taboadela.
As casas niño son un modelo de atención dirixido a nenas e nenos de 0 a 3 anos, deseñado para municipios rurais galegos onde, por mor da baixa densidade de poboación, non resultan viables os servizos habituais de atención á primeira infancia.
Xestionadas por profesionais autónomos, ofrecen atención personalizada nun ambiente 100% familiar e cada unidade pode atender ata cinco nenos. A Consellería de Política Social e Igualdade financia a súa posta en marcha e funcionamento cunha subvención anual duns 29.000 euros brutos.
Precariedade e indefensión
“O monto asignado pola Xunta, ao que hai que detraer un 20% de impostos, apenas cubre os custos operativos e gastos cotiás, ameazando a continuidade deste servizo esencial do noso rural, sendo particularmente críticas continxencias coma unha baixa por enfermidade ou unha substitución puntual ao non alcanzar as capacidades económicas destas casas niño”, declara Vila.
Segundo este, “os traballadores non teñen relación contractual algunha coa Xunta e se o día de mañá teñen que pechar as instalacións non teñen cobertura social nin a posibilidade de acreditar a súa experiencia e obter referencias para optar a outros postos de traballo e continuar coa súa vida”.
A provincia de Ourense conta na actualidade con 48 instalacións operativas con capacidade para acoller a 240 nenas e nenos, consolidándose como a provincia galega con maior número de instalacións, con arredor do 50% das unidades en funcionamento na actualidade.
“Reclamamos que a Deputación de Ourense se implique e esixa da Xunta de Galicia que se preocupe dunha situación insostible para as e os profesionais das casas niño, que tamén se pode facer extensiva ás casas do maior, para que mellore o seu cotiá e os recoñeza coma traballadores”, conclúe o voceiro socialista.