O Grupo Provincial Socialista propón a disolución do INORDE e que a Deputación asuma toda a súa actividade
O Grupo Provincial Socialista reclama na Deputación de Ourense a disolución do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) a que “a Corporación Provincial asuma as misións e proxectos que supostamente (este) desenvolve”.
“As funcións que desenrola o INORDE son unha inquedanza manifestada en sucesivos mandatos polo noso Grupo Provincial a través de preguntas e requirimentos, aínda que nunca se materializou nunha moción concreta, como agora é o caso”, explicou o voceiro socialista, Álvaro Vila.
Desde o momento da súa creación, en 1987, o INORDE preséntase coma un “organismo autónomo” con independencia económica e administrativa “para a realización das súas fins”. “Na práctica resulta que o Instituto non ten autonomía financeira, xa que o seu financiamento depende arredor dun 70% das achegas da propia Deputación”, explicou Vila. A aportación en 2024 da Deputación de Ourense ao INORDE ascende a 2.369.000 euros sobre un orzamento total de 2.856.204 euros, sendo “mínimos” os fondos que capta doutras administracións e proxectos comunitarios, estatais e europeos.
O voceiro socialista subliñou que, amais da súa dependencia económica da Deputación, o INORDE tamén está supeditado administrativamente e operativamente á Corporación Provincial. A modo de exemplo, Vila explicou como as funcións de asesoría legal corresponden ao secretario xeral da Deputación e as labores de control e fiscalización recaen no interventor da propia Corporación. Segundo dixo o voceiro socialista, “o Instituto está absolutamente supeditado aos recursos, escrutinio e control da Deputación, que determina as súas liñas de actuación e designa aos seus responsables existindo de facto un réxime de tutela”. Máis eficiencia e transparencia “Xunto coa ausencia de autonomía e o redobramento que implica o INORDE da propia acción da Corporación Provincial, o Instituto tampouco é modelo de eficacia nin transparencia”, engadiu Vila.
O político abondou en fitos como a ineficacia administrativa, desperdicio de recursos, rixideces organizativas, eivas na coordinación estratéxica e falta de transparencia na toma de decisión e xestión do INORDE. “Unha serie de elementos que fan que Instituto non sexa unha entidade protagonista no desenvolvemento provincial”, conclúe Vila. Porén que en 2024 os gastos de persoal representan un 40% do orzamento do INORDE, en exercicios anteriores este representaba entre o 50-70% do total de recursos do Instituto. Na proposta socialista, que será debatida no pleno do vindeiro 25 de outubro, contémplase a eliminación dos cargos políticos e a integración do persoal do INORDE “nos departamentos acaídos da Corporación Provincial en función dos seus perfís e experiencia profesional”. “A disolución do INORDE aspira a modernizar a administración provincial, introducir mellores prácticas no seu cotiá, centralizar servizos para evitar de duplicidades e reducir estruturas, que sexan moito máis eficientes economicamente e, sobre todo, transparentes a ollos da cidadanía de Ourense”, debullou o voceiro do Grupo Provincial Socialista.