O grupo socialista logra o respaldo do pleno da Deputación para axilizar a posta en marcha do transporte metropolitano, que chegaría aos concellos de Punxín e Cenlle.
O Grupo Provincial Socialista obtivo o compromiso do Pleno da Deputación para adoptar “as medidas oportunas para que se garanta no curto prazo a implantación real e efectiva do transporte de viaxeiros que inclúa a todos os concellos da área metropolitana de Ourense”. A moción socialista recolle a “creación inminente dun comité técnico e político no que se acorde a mellor fórmula de implantación do transporte metropolitano no menor tempo posible”.
Esta táboa de traballo estará composta por representantes da Deputación de Ourense, que incluiría a participación dos grupos políticos do mandato actual, da Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e cada un dos concellos da área metropolitana da capital provincial. O voceiro socialista, Álvaro Vila, fixo fincapé na “eiva” que supón a actual situación, da que derivan “limitacións” e “prexuízos” para a comarca de Ourense e os seus habitantes. “A implantación do transporte metropolitano é unha demanda histórica do PSdeG-PSOE que o PP, que representa o principal factor de bloqueo até hoxe, ven de subscribir durante a máis recente campaña das autonómicas, polo cal queremos aproveitar a ocasión para arrincar o compromiso do Pleno para a posta en marcha sen demora do transporte metropolitano”, destacou Vila.
Para éste, “a determinación exhibida polo PP en campaña é unha moi boa nova sempre que se vexa concretada e non sexa só resultado dunha estratexia electoralista”. Do proxecto de crear áreas metropolitanas para o transporte na entorna das cidades galegas fálase desde 1995, facéndose realidade paseniñamente na Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo e Lugo. O bloqueo do transporte urbano metropolitano suscita polémica en Ourense cada certo tempo, pero sen que a situación avance. Segundo Vila, “as áreas metropolitanas de transporte son unha realidade nas principais cidades galegas, quedando relegado Ourense, co agravio comparativo que este feito supón”. Para Vila, “é o momento de impulsar o transporte metropolitano a través da acción coordinada dos grupos da Deputación, Xunta e os concellos” de Ourense, Pereiro de Aguiar, San Cibrao, Barbadás, Amoeiro, Coles, Toén e Punxín, e mesmo A Peroxa, Cenlle, Taboadela, Paderne de Allariz e Vilamarín