O Grupo Socialista na Deputación presenta unha iniciativa para facer da provincia un referente global en tecnoloxías verdes. A proposta contou coa colaboración do economista carballiñés Adrián Godás.

O Grupo Provincial Socialista presenta unha iniciativa na Deputación para que a adopción dun plan provincial de desenvolvemento do sector mineiro e facer de Ourense un referente nas cadeas de subministro globais en tecnoloxías verdes. “A provincia ten un notable potencial mineiro, con importantes xacementos probados de minerais industriais e metálicos, pero tamén de terras raras, que cunha acaída estratexia e a través da adopción de estratexias extractivas innovadoras e respectuosas da entorna poden aportar prosperidade e benestar no presente e para as xeracións futuras”, sostén Aurentino Alonso, deputado provincial socialista por Valdeorras.
Segundo este, “a tradición mineira de Ourense remóntase á dominación romana, contando na actualidade con activos suficientes para posicionarnos coma referentes da minería sustentable e mesmo actor global destacando en tecnoloxías verdes”. Mesmo se unha estratexia clara, con Ourense á fronte Galicia aporta un 8,2% da produción mineira española, cunha facturación anual de 280 millóns de euros e xerando na provincia uns 2.500 postos directos de traballo. “Á luz de estimacións recentes e se tomar en consideración a pléiade de recursos dispoñibles, cal non será o potencial do sector se tan só Ourense podería cubrir o 15% da demanda europea de litio para baterías?”, pregúntase Alonso, para quen a Deputación debe “ordenar” e “dinamizar” o sector.
Para o deputado socialista, “non podemos resignarnos e ver como a provincia esmorece lentamente, centrándonos nos tradicionais eidos onde a Deputación incide, sendo imperativo e urxente avanzar cara novas pistas e horizontes de salvación para a nosa provincia á luz das nosas características e activos, sendo a minería unha panca con moito potencial por desenvolver”. Neste senso, conscientes do atractivo do sector, como demostra a multiplicación de licencias de exploración e explotación outorgadas pola Xunta, os socialistas tamén reclaman a “posta en marcha de mecanismos de coordinación para a participación de Deputación, concellos e colectivos afectados polos proxectos en curso en aras de minimizar impactos e maximizar retornos para a comunidade”.
Minería sustentable
Para a elaboración desta iniciativa, o Grupo Provincial Socialista contou co asesoramento do economista carballiñés Adrián Godás quen, afincado en Sofía (Bulgaria), está especializado na análise de mercados de materias primas e empresas mineiras, consultor habitual de institucións multilaterais e gobernos. Godás subliña “a capacidade actual para levar a cabo prácticas sustentables de minería, que permiten unha coexistencia harmónica entre actividade extractiva e preservación do patrimonio natural ourensán”.
O carballiñés evoca o “proxecto Barroso”, en Portugal, onde se asenta unha gran mina de precisión litio, cun sistema de xestión hídrico pechado, que reduce ao mínimo o consumo, cun deseño que minimiza o impacto visual, limita as explosión e non traballa de noite para non alterar os ciclos da fauna. Godás, autor de Bajo tierra (2024, Arpa), alude mesmo ao desenvolvemento de biomateriais a partires de refugallos mineiros que rexeneran chans degradados.
“Ao integrar tecnoloxías limpas, transparencia na xestión dos recursos e un diálogo acentuado coas comunidades locais e actores concernidos, Ourense pode requintar un modelo aplicable a outras rexións con desafíos similares, posicionando a provincia coma laboratorio vivo da minería do século XXI”, apunta Aurentino Alonso. Para o socialista, “Ourense encarna un paradigma onde a minería pode ser compatible coa sustentabilidade e, amais, actuar coma vector de desenvolvemento e prosperidade, catalizador de innovación e cohesión territorial, para o cal a Deputación está chamada a dotarse dun plan con obxectivos capaz de desenvolver o sector e mesmo promover a atracción de investimentos e captación de fondos”.